Anuncios
Ticker de novas

Por 100 anos máis de Parranda a San Roque

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Un numeroso grupo de integrantes da Parranda de San Pedro celebrou este sábado o seu centenario coa inauguración da imaxe de San Roque que lembrará esta efeméride e que está situada no recinto de festas de San Antonio de Vilariño, na parroquia nigranesa de San Pedro da Ramallosa.

A imaxe, realizada en pedra utilizando varias rocas dos montes de Morgadáns e doada polo “Ferreiro” baionés Manuel Quintas Vergara, coa colaboración de Jose Carlos Riveiro, lembra ao fundador da Parranda, Dionisio, así como a todos os seus seguidores. Tras a bendición do párroco de San Pedro, Xosé Lence, e as fotos de rigor, os asistentes gozaron duns petiscos. Tampouco faltou á cita o alcalde de Nigrán, quen entregou unha placa conmemorativa ao autor do monumento e ao presidente da Parranda, Evaristo Blach.

Aínda que non hai constancia exacta de cando se creou a Parranda de San Pedro, varios veciños coinciden no ano 1917. Desde entón, cada 16 de agosto centos de persoas reúnense para realizar a tradicional peregrinaxe desde A Ramallosa ata Morgadáns, en Gondomar, un percorrido duns 8 quilómetros que desde hai case un século realízase como mostra de fe a San Roque.

O que comezou como unha reunión de ao redor de 70 veciños, foi crecendo ano tras ano ata alcanzar cifras como a do 2016, cando uns 800 romeus partiron cara a Gondomar, cos maiores camiñando e os nenos, as viandas e os músicos subidos a tractores debidamente engalanados con flores para a ocasión, converténdose ademais nunha tradición que pasa de pais a fillos.

Xa na vila condal ten lugar o encontro coa banda de música, para deseguido continuar a marcha ata o torreiro de festas de San Roque, sempre acompañados da música verbeneira da charanga e a animación e alegría dos camiñantes.

Tras case tres horas de percorrido, a Parranda chega ao seu destino. Despois de desfilar ata a Capela e rodeala como manda a tradición, repoñen forzas cun aperitivo para a continuación asistir á Misa Solemne e á procesión en honra a San Roque.

Unha vez finalizados os actos relixiosos, as tradicionais “poxas” a cargo de Carlos Riveiro dan paso á música, a comida, a charanga e a diversión na Carballeira ata ben entrada a tarde, cando a Parranda recolle as súas bártulos e inicia a viaxe de volta cara Nigrán, para finalizar no Convento dos Pais Franciscanos de Vilariño, pensando sempre xa no próximo ano.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios