Anuncios
Ticker de novas

O Rías Baixas, “un referente do ciclismo” e “un inmenso orgullo para a nosa provincia”

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Os xardíns do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acolleron hoxe o acto de presentación do equipo do Club Ciclista Rías Baixas, que acaba de iniciar a súa tempada deportiva. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, que presidiu o evento acompañada pola deputada provincial de Deportes, Chelo Besada, asegurou que, a través do nome da entidade deportiva, cando están fóra da provincia, “Rías Baixas está presente” en calquera lugar a onde viaxan e cualificouna de “referente do ciclismo en Pontevedra, en Galicia, en España e en toda Europa”, subliñando por iso que é “un orgullo para a nosa provincia”.

A presidenta da Deputación salientou que o ciclismo é un deporte “de heroes e de heroínas”, pois é un deporte dunha “enorme dureza física” e que esixe “moitísimo traballo, moitísimo adestramento, moitísimo sacrificio”, polo que agradeceu o esforzo do equipo, que en 2016 acadou a vitoria na Volta a Galicia e foi considerado o mellor equipo pola Federación Galega de Ciclismo e terceiro no ránking da Federación Española de Ciclismo.

Pola súa banda, o presidente do club, José Luis Chamorro, asegurou que “faremos todo o esforzo, chamándonos como nos chamamos Rías Baixas, para deixar Rías Baixas e a Deputación e Galicia por toda España e fóra de España o máis alto posible, e os éxitos deportivos seguro que chegarán igual que este ano”.

O alcalde de Nigrán e deputado provincial, Juan González, sinalou que o esforzo do equipo directivo “fai cada día este club un pouquiño máis grande” e que “para min, como alcalde de Nigrán, é unha honra que a nosa vila poida ser a sede e o berce do Club Ciclista Rías Baixas”.

Anuncios