Anuncios
Ticker de novas

A Garda Civil recupera varias pantallas de proxección subtraídas nun colexio de Gondomar

FOTO: GARDA CIVIL

A Garda Civil recuperou un total de catro pantallas para proxección de imaxes dixitais que foran subtraídas do interior da antiga escola unitaria de San Cibrao, no termo municipal de Gondomar.

O achado produciuse o pasado martes cando a Garda Civil ten noticia de que nunha cuadra abandonada na parroquia de Pinzás, do municipio de Tomiño, estaban almacenadas varias caixas de cartón. Ao comprobar o contido dos vultos, todos eles perfectamente pechados e precintados, excepto un, os axentes atopáronse con catro pantallas de proxección novas, cos seus correspondentes trípodes e en perfecto estado de conservación.

Por mor das indagacións realizadas polo Equipo de Investigación da Garda Civil de Tui para coñecer a procedencia das pantallas, púidose pescudar que este material fora subtraído por un mozo, veciño do municipio de Tomiño, do interior do local da antiga escola unitaria de San Cibrao (Gondomar), que se atopa pechada desde hai varios anos.

Ao inspeccionar o local, a Garda Civil puido comprobar que o acceso á antiga escola fíxose a través dunha das xanelas que aparece cos cristais rotos. No seu interior atopáronse máis caixas baleiras das mesmas características.

O mozo identificado como suposto autor, S.C.B., de 18 anos, deberá comparecer ante a autoridade xudicial, cando sexa citado, en calidade de investigado como suposto autor dun delito de roubo.

Dentro das investigacións foi fundamental a colaboración cidadá, que de maneira incesante comunica á Garda Civil multitude de datos e que se desenvolve principalmente a través do Tlf. 062, do portal da internet “Colabora” deste Corpo e dos perfís oficiais nas redes sociais do mesmo www.guardiacivil.es, sugerencias@guardiacivil.org, Garda Civil (Facebook) e @guardiacivil (Twitter).

Anuncios