Anuncios
Ticker de novas

Ría de Vigo – Panjón

Postal Nº 12 das Series de L. Roisín titulada “Ría de Vigo – Panjón”. Coñecemos moi pouco desta serie pois esta é a única postal que localizamos. Poderíamos datar aproximadamente esta postal a finais dos anos 20, principios dos 30.

Ao fondo pódense apreciar dous edificios, nun dos cales se atopaba o Club Náutico de Panxón. O Monteferro, sen árbores, estaba coroado polo monumento á Mariña Universal. O Templo Votivo do Mar aínda estaba sen rematar.

Os cambios son espectaculares desde que se fixo esta fotografía ata hoxe. O actual edificio do Club Náutico non existía e no monte do Castro, onde se atopa un importante xacemento arqueolóxico, non hai nin unha soa construción.

A estrada paralela á costa tampouco estaba e no seu lugar erguíanse as marabillosas dunas de Panxón ou Gaifar, xa perdidas para sempre.

Series de L. Roisín

O fotógrafo Roisín realizou múltiples series do Val Miñor e mellor ou peor calidade. Aquí, neste apartado contemplamos polo menos oito series distintas, sendo a postal pertencente á serie máis antiga unha selada o 2 de setembro de 1931.

Este fotógrafo é o primeiro que sentiu unha especial predilección por Panxón e gracias a el podemos facernos unha idea perfecta de como era esta pequena aldea de pescadores antes do “boom” inmobiliario dos anos 70-80.

Publicado en “O Val Miñor na Tarxeta Postal” (1999) de Salvador Fernández de la Cigoña Fraga. Editado pola Deputación de Pontevedra.

Anuncios