Anuncios
Ticker de novas

Os pescadores de Baiona poderán varar as súas embarcacións no Monte Real Club de Yates

FOTO: MONTE REAL CLUB DE YATES

O presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez, e a patroa maior da confraría de pescadores “La Anunciada” de Baiona, Susana González, asinaron este xoves a renovación dun convenio grazas ao cal os pescadores baioneses poderán realizar as varadas das súas embarcacións nas instalacións do club.

Segundo o acordo, asinado para un período de cinco anos, ademais do servizo de varada de barcos, con travelift e guindastre, o Monte Real prestará aos 240 membros da confraría outros servizos como os de carpintería, compresor, submarinista, carga de batería, cantiño, estadías sobre carro e varadero.

Farao, ademais, aplicando as tarifas reducidas que o club lle ofrece na actualidade aos seus socios, uns prezos considerablemente máis vantaxosos que os que se poden atopar no mercado.

Pola súa banda, e a modo de contraprestación, a confraría de “La Anunciada” facilitará o acceso ás súas instalacións a aqueles clientes do Monte Real que, a través de visitas organizadas, queiran coñecer o funcionamento da entidade.

Con este novo acordo, o Monte Real Club de Yates e a confraría de pescadores ”La Anunciada” renovan por un lustro os lazos de amizade e o espírito de colaboración que, desde hai anos, unen a ambas as dúas entidades.

Anuncios