Anuncios
Ticker de novas

O Cruceiro da Trindade de Baiona

Tarxeta postal Nº 0 da Serie de Amalio Couto Pacheco. Pódese apreciar nesta postal un grupo de nenos co que se cadra sexa o seu profesor e outro adulto. A zona tampouco a alteraron tanto; iso si, onde antes había árbores agora atópase unha luxosa urbanización.

O cruceiro da Santísima Trindade é dos poucos con baldoquinos que hai en Galicia e é, xunto co de Noia, dos máis espectaculares. O costume do baldoquino é francés e prohibiuse por considerar que a cruz non debe ter máis teito que o ceo. Este cruceiro está decorado ata a cruz cunha grande variedade de motivos vexetais. No varal vense imaxes da Dolorosa, o Apóstolo Santiago e a Madalena. No conxunto hai un pequeno altar.

Os estudosos Ulpiano Nogueira e José de Santiago deixan albiscar que por este cruceiro pasaba a procesión do Corpus e recollen a tradición de que foi construído con motivo dunha forte peste que lles afectou ás comarcas veciñas para que os enfermos oísen misa sen entraren na vila.

Serie de Amalio Couto Pacheco

Esta é unha das series con máis vistas da vila do Val Miñor. A data na que se tomaron estas fotografías oscilaría entre 1910 e 1920.

Publicado en “O Val Miñor na Tarxeta Postal” (1999) de Salvador Fernández de la Cigoña Fraga. Editado pola Deputación de Pontevedra.

Anuncios