Anuncios
Ticker de novas

Mercado na Praza de Pedro de Castro

Recóllese nesta tarxeta o mercado que ten lugar na praza de Pedro de Castro. A espectacular edificación coñecida como a Casa do Deán, que loce na súa portada un escudo soberbio coma poucos, xa hai anos que se encontraba dividida entre dúas familias.

Esa fermosa peza arquitectónica edificouna entre os anos 1768 e 1769 o distinguido baionés D. Policarpo de Mendoza, deán da Metropolitana de Santiago de Compostela para remediar a fame que daquela padecían os miñoráns. O escudo de armas recolle as armas dos Mendoza e nel figura o lema da familia.

Na época da postal, como se pode apreciar claramente, xa se engadira un moi pouco estético miradoiro e unha bufarda. Xa Espinos alude ao “delito” que se cometeu ao acaroarlle os engadidos que antes citamos. A parte do miradoiro “abufardado” era propiedade da familia Quirós e a parte da dereita da familia Isla. Desta última destaca a figura de D. Florentino Isla que emigrou á Illa de Cuba e residiu na localidade de Matanzas, o que lle trouxo grandes simpatías nesa vila. Por iso, ofrecéronlle distintos cargos que sempre rexeitou. De volta a Galicia fixou a súa residencia na vila de Baiona onde foi concelleiro en varios ocasións con grande éxito, se ben as intrigas políticas mermaron o seu entusiasmo inicial.

Ao fondo da vista percíbese a casa de Carbajal.

Serie de Hauser y Menet (Anos 20)

Despois da Serie Xeral viñeron outras postais de Baiona realizadas por Hauser y Menet: son postais cunha perfecta definición e que, coma todas as de Hauser, serviron para conservarmos unha idea moi clara de como era a Baiona daqueles tempos.

Publicado en “O Val Miñor na Tarxeta Postal” (1999) de Salvador Fernández de la Cigoña Fraga. Editado pola Deputación de Pontevedra.

Anuncios