Anuncios
Ticker de novas

A ponte de Sabarís e a Praza de Victoria Cadaval

Postal da Serie propiedade de “El Universo” titulada “Bayona – Puente de Sabarís”. Aquí temos unha vista do Sabarís de principios de século, xusto a zona onde está instalado o mercado. Como xa dixemos, este mercado tivo a súa orixe alá polo ano 1497 nun privilexio dado polos Reis Católicos o 5 de febreiro, para que os luns de cada semana tivera lugar no alto de Monte Real “para que todos los bastimentos de pan, vino, carne y otras cosas que se vendiesen por menudo, así por los vecinos como por los forasteros, se vendiese dentro de dichos muros de Monte Real e no abajo en la Villa Vieja”. No ano 1605, ao despoboarse a fortaleza de Monte Real, a penas acudían vendedores ao mercado, polo que o Concello comisionou a Pedro Díaz de Zárate para que no nome da vila se lle queixase á súa Maxestade. Facéndose eco desta queixa prohibiu vender viño e mantementos no río do Burgo, tal e como se estaba facendo, contravindo as ordenanzas da Vila dadas polos Reis Católicos “que no haya tienda de oficio en él, ni horno de cocer pan de venta, y que tampoco hayan dicho Burgo ni Ramallosa sastres ni zapateros ni otros tales oficiales con tienda que no haya tampoco tienda de ninguna clase y lo mismo en Vincio de Calvos”.

A obriga de celebrar o mercado en Monte Real seguiu pero tamén se continuou comerciando en Sabarís, polo que o 30 de novembro de 1736 volveu prohibirse o mercado, impoñéndose multas de medio ducado e confiscándoselle a mercancía a quen vendese, para que deste modo os comerciantes fosen mercadear ao alto de Monte Real.

O 4 e mais o 15 de decembro de 1823, o Concello de Baiona tenta, mediando o uso de tropas, suspender o desenvolvemento do mercado de Sabarís, e o mesmo ocorreu o 18 de maio de 1838.

Ao declarar estrado inútil o castelo, o mercado pasou a ter lugar na rúa Corrente, hoxe Manuel Misa, pero era tal a teima dos vendedores de comerciaren en Sabarís que foi alí onde por fin quedou fixado este mercado.

Serie propiedade de “El Universo”

Esta é a segunda serie que coñecemos, propiedade de “Ultramarinos El Universo”. É unha serie da que descoñecemos o número de postais que a compoñen por non estaren numeradas.

Publicado en “O Val Miñor na Tarxeta Postal” (1999) de Salvador Fernández de la Cigoña Fraga. Editado pola Deputación de Pontevedra.

Anuncios