Sin categoría

Máis de 150 ximnastas de toda Galicia disputarán en Nigrán o I Torneo Atlántico de Ximnasia Rítmica

Tras o éxito do pasado Día da Rítmica celebrado o 18 de marzo no Pavillón Xurxo Otero de Panxón, a ximnasia rítmica volverá encher este sábado 6 de maio de 16:00 a 20:00 horas o Pavillón Municipal de Nigrán, pero está vez xa en formato competitivo a través do I Torneo Atlántico de Ximnasia Rítmica.

O Club As Estelas e o Club Escola Rosalía únense para a organización deste evento en colaboración co Concello de Nigrán, onde máis de 150 ximnastas de toda Galicia competirán diante dos 5 xuíces oficiais. Máis de 60 exercicios lucirán sobre o novo tapiz que o pasado mes de marzo o Concello de Nigrán adquiriu para dar cabida a esta nova modalidade deportiva nas súas instalacións municipais que leva a cabo grazas ao Club As Estelas, que aínda que é orixinario do Concello de Baiona está a se estender por todo o Val Miñor.

O Club Escola Rosalía adestra no colexio Rosalía de Vigo, pero únese co club miñorano para a organización deste evento onde tanto conxuntos escolares e ximnastas individuais de promoción desde benxamíns ata sénior participarán neste torneo. Entre competición e competición tamén haberá exhibicións das escolas que ambos os dous clubs teñen nas súas respectivas zonas. Con este evento conta encher o pavillón municipal e convidan a que os veciños acudan tamén a gozar deste deporte.