Anuncios
Ticker de novas

O Entroido de Baiona esgota as prazas para o seu desfile de comparsas

O Entroido de Baiona pechou a cota máxima de agrupacións para o Desfile de Comparsas que se celebrará o próximo martes 28 ás 17:00 horas e a día de hoxe xa están inscritas un total de vinte comparsas. O percorrido sairá da avenida urbana de Sabarís e discorrerá por Santa Marta, Monterreal e Elduayen para rematar na Alameda Carabela Pinta.

Estableceuse un límite máximo de participación de 20 comparsas, que foron admitidas por rigoroso orde de inscrición no rexistro municipal do concello, e cubríronse todas as prazas dispoñibles. As comparsas inscritas deberán participar tanto no desfile do martes 28 de febreiro como no Enterro da Sardiña, que terá lugar o mércores 1 de marzo ás 19:00 horas desde a Praza do Concello ata a Praia da Ribeira, cun mínimo de 10 compoñentes por comparsa.

Os premios irán desde os 900 euros para a comparsa gañadora ata os 650 euros para o segundo clasificado e 500 para o terceiro. Entre as demais comparsas participantes, repartiranse o resto dos premios (4.450 euros) que se distribuirán de acordo co número de compoñentes: de 81 a 100 compoñentes (500 euros), de 61 a 80 (400), de 41 a 60 (300), de 21 a 40 (200) e de 12 a 20 compoñentes (100).

O xurado estará integrado por persoas do mundo da cultura, o deporte, a música, as letras, etc., designadas polo Concello e valorará, entre outros aspectos, os disfraces, máscaras, maquillaxes, etc., axeitados á temática que representen, a orixinalidade, enxeño, caracterización, instrumentalización, etc., a actitude no desfile acorde co motivo na exhibición, a calidade e creatividade na exhibición e o número de compoñentes da comparsa.

Anuncios