Anuncios
Ticker de novas

A Parranda de San Pedro inaugura este sábado a imaxe de San Roque en Vilariño

A Parranda de San Pedro cumpre 100 anos, e para conmemoralo, unha imaxe de San Roque lucirá no recinto de festas de San Antonio de Vilariño, na parroquia nigranesa de San Pedro da Ramallosa.

A imaxe, realizada en pedra e doada polo “ferreiro” baionés Manuel Quintas Vergara, coa colaboración de Jose Carlos Riveiro, lembra ao fundador da Parranda, Dionisio, así como a todos os seus seguidores, e será inaugurada este sábado 25 de febreiro ás 16:30 horas.

A continuación, terá lugar unha reunión á que están convocados todos os seguidores da Parranda na que se informará das actividades previstas para celebrar ao grande o centenario.

Cada 16 de agosto, a Parranda de San Pedro consegue reunir a centos de persoas na súa tradicional peregrinaxe desde A Ramallosa ata Morgadáns, en Gondomar, un percorrido duns 8 quilómetros que desde hai case un século realízase como mostra de fe a San Roque.

Cos maiores camiñando e os nenos, as viandas e os músicos subidos a tractores debidamente engalanados con flores para a ocasión, a comitiva parte cara a Gondomar, onde ten lugar o tradicional encontro coa banda de música, para deseguido continuar a marcha ata o torreiro de festas de San Roque, sempre acompañados da música verbeneira da charanga e a animación e alegría dos camiñantes.

Tras case tres horas de percorrido, a Parranda chega ao seu destino. Despois de desfilar ata a Capela e rodeala como manda a tradición, repoñen forzas cun aperitivo para a continuación asistir á Misa Solemne e á procesión na honra de San Roque.

Unha vez finalizados os actos relixiosos, as tradicionais “poxas” a cargo de Carlos Riveiro dan paso á música, a comida, a charanga e a diversión na Carballeira ata ben entrada a tarde, cando a Parranda recolle os seus bártulos e inicia a viaxe de volta cara Nigrán, para finalizar no Convento dos Pais Franciscanos de Vilariño, pensando sempre xa no próximo ano.

Anuncios