Anuncios
Ticker de novas

Baiona desembarca en Santiago para convidar a toda Galicia a revivir o “momento máxico” da Arribada

FOTO: XUNTA DE GALICIA

A XXII Festa da Arribada desembarcou este martes no casco histórico de Santiago de Compostela para convidar a toda Galicia a participar do 3 ao 5 de marzo no “momento máxico” da chegada da carabela “La Pinta” a Baiona en 1493 e o anuncio do Descubrimento do Novo Mundo.

Os soportais do Museo das Peregrinacións, na praza das Praterías compostelá, acolleu a presentación da Festa de Interese Turístico Internacional por parte do Concello de Baiona nun acto culminado cunha representación teatral e unha degustación de produtos típicos da celebración.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, invitou a todos os presentes e a todos os galegos a trasladarse a Baiona para “vivir un soño que esperta emocións e estimula os sentidos, a maxia dunha vila que regresa ao Medievo e que non perdeu as súas raíces e segue sendo unha vila mariñeira”.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que a Festa da Arribada é unha das celebracións “máis singulares” e explicou que “axuda a situarnos como destino”. Castro destacou o traballo de Baiona na procura da “máxima calidade do seu turismo” e tamén invitou a acudir á festa para “revivir un acontecemento espectacular”.

“Desde Turismo de Galicia somos conscientes de que as festas, polas súas características e singularidades e polo seu recoñecemento e prestixio autonómico, son un recurso a manter e potenciar. A súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística e engaden importantes accións de difusión turística que constitúen un extraordinario incentivo para as economías locais”, explicou Nava Castro.

Ao acto tamén acudiron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o conselleiro de Sanidade e exalcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña; o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; o presidente dos comerciantes e empresarios de Baiona (Aceba), Marcos Comesaña, e a concelleira de Cultura, María Iglesias.

Vázquez Almuiña destacou o logro da Arribada pese aos “poucos anos que leva, que se vexa coma algo propio por parte dos veciños e tamén que, todo aquel que a visita volve sempre. Síntome orgulloso coma baionés e creo que tamén debe ser un sentimento de orgullo para os baioneses e para o resto dos galegos”.

Como remate á presentación e despois do visionado do spot oficial da Arribada, o grupo “Non si? Teatro” escenificou nos soportais o anuncio da chegada da carabela “La Pinta” á praia da Ribeira. O colofón foi unha degustación de Ñoclos de Pinzón e Tarta de Sarmiento, doces típicos da celebración.

Anuncios