Anuncios
Ticker de novas

Tirilonte terminou cuarto na xeral do Memorial Manuel Sanroma

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

O Club Ciclista Rías Baixas iniciou a tempada quedándose preto da vitoria. Tras o sétimo posto de Diego Tirilonte na primeira etapa do Memorial Manuel Sanroma, o cántabró volveu estar cos mellores na segunda e última xornada. Cruzou a liña de meta en sexta posición e na clasificación xeral final ocupou a cuarta praza.

Os 145 quilómetros con saída e chegada en Almagro tiveron un desenlace trepidante. O pelotón, que se dividiu en dous debido a unha montonera, neutralizou a falta de 30 quilómetros a escapada de Erlend Sor (Escribano). O vento foi debullando o grupo principal ata que unha vintena de corredores xogáronse o triunfo ao sprint.

Do mesmo xeito que na primeira xornada, o portugués Leonel de Sousa (Supermercados Froiz) impuxo a súa punta de velocidade. Tirilonte entrou sexto co mesmo tempo que o gañador e a súa regularidade neste memorial outorgoulle a cuarta posición na xeral.

A falta de coñecer a clasificación completa, outros dous representantes da entidade do Val Miñor finalizaron entre os 50 primeiros: Rodrigo Enríquez 23º a 2 minutos e 22 segundos, e Raúl González 38º a 7:31.

Despois desta toma de contacto coa competición, a seguinte cita do Club Ciclista Rías Baixas será o vindeiro domingo o Circuíto Guadiana. primeira proba puntuable para a Copa de España.

Anuncios