Anuncios
Ticker de novas

Porto do Molle, foco de interese para o goberno do estado mexicano do Iucatán

FOTO: ZONA FRANCA DE VIGO

A delegada do Consorcio da Zona Franca, Teresa Pedrosa, expuxo esta mañá as oportunidades de negocio que se abren para o investimento estranxeiro na comarca de Vigo a unha delegación do Goberno do Estado mexicano de Iucatán. Concretamente, Pedrosa analizou conxuntamente con Ernesto Herrera, Secretario de Fomento Económico e outros representantes de oficinas de desenvolvemento iucatecas, as oportunidades de negocio bilaterais que se abren tanto para as pemes a través dos programas de internacionalización de Zona Franca como para as grandes empresas interesadas en realizar investimentos en sectores crave como agroindustria, pesca ou comercio, entre outros. A delegación conversou coa Delegada mostrando un especial interese no traballo de Zona Franca xa que a economía de Iucatán, unha das 32 entidades federativas de México e cun forte peso no sector turístico, hai anos tentou abrirse camiño cara á industrialización a través das maquiladoras, que é como se coñecen a figura xurídica de territorios francos en Latinoamérica.

A delegación, que veu a Vigo convidada polo Goberno galego, visitou á primeira hora diversas instalacións do porto e, posteriormente, a Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves e o parque empresarial de Porto do Molle. Tras o xantar, a delegación reuniuse na sede central do Consorcio en Bouzas para estudar máis detidamente futuros programas de cooperación e intercambio comercial.

A economía de Iucatán ocupa o posto onceavo dos estados mexicanos e está a experimentar un interesante desenvolvemento xa que o ano pasado creceu 3.7 por cento segundo o Indicador de Actividade Económica Estatal que dá a coñecer o Instituto Nacional de Estatística e Xeografía do país centroamericano. Entre as principais actividades atópanse o comercio (21.5%); os servizos inmobiliarios e de aluguer de bens mobles e intanxibles (13.1%); a construción (11.6%); e a industria alimentaria (9.9%) que xuntas representan o 56.1% do PIB estatal. Actualmente, os sectores estratéxicos para o Iucatán son a loxística, tecnoloxías da información, innovación, turismo, agroindustria e enerxías renovables.

Anuncios