Anuncios
Ticker de novas

Nigrán, sen orzamento á vista para o 2017

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Grupo Municipal Popular de Nigrán quere poñer en coñecemento da opinión pública e dos veciños e veciñas do municipio a falta de palabra e a neglixente xestión económica que vén realizando o goberno actual do PSOE en Nigrán desde a súa toma de posesión.

No ano 2016, os orzamentos municipais foron aprobados con tres meses de atraso sobre a data en que debían estar aprobados e en vigor, pero o Alcalde desculpouse aducindo a súa novatez e a do seu equipo como xestores públicos e prometeu que os do ano 2017 estarían aprobados en tempo e forma. Esta mesma afirmación repetiuna en sesión plenaria ao ser preguntado polo tema no segundo semestre do 2016.

“Pois ben, estamos a febreiro do 2017 e os orzamentos municipais de Nigrán deste ano nin están nin se lles espera”, afirman os populares.

Non se produciu nin sequera a entrega dun primeiro borrador do anteproxecto de orzamento aos grupos políticos municipais (lembrar que en Nigrán o PSOE goberna en minoría), necesarios estes para que se poida producir a aprobación dos Orzamentos Municipais. Quedaría logo a análise deste borrador, e as achegas e condicións dos grupos municipais, antes de poder levar a Pleno a aprobación provisional do orzamento e posterior aprobación definitiva e publicación no BOP, previo período de exposición pública.

“Moito nos tememos que o Orzamento do 2016 verase prorrogado por varios anos, posto que seguramente o actual alcalde intúe a dificultade da aprobación baixo o seu mandato duns novos orzamentos, ao faltar á palabra dada ao resto dos Grupos Municipais ao non cumprir os compromisos establecidos, que condicionaron a aprobación orzamentaria 2016”, conclúen desde o Grupo Municipal Popular.

Anuncios