Anuncios
Ticker de novas

Todos os grupos menos o PP apoian a adhesión de Nigrán ao convenio de vivendas baleiras da Xunta

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A comisión informativa de Asuntos Xerais do Concello de Nigrán celebrada o pasado xoves, ditaminou favorablemente cos votos de todos os grupos municipais PSOE, Nigrán Decide, BNG e UCN, -a excepción do PP que se abstivo-, a moción presentada por UCN e relativa á adhesión do Concello de Nigrán ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), para o desenvolvemento do programa de vivendas baleiras, dentro do “Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020”, para facilitar o acceso a unha vivenda a persoas que se atopen en situación de dificultade ou vulnerabilidade, e terán preferencia aquelas unidades familiares ou de convivencia que cumpran -entre outros-, os seguintes requisitos: familias afectadas por procedementos de execución hipotecaria; por falta de pagamento de rendas ou desafiuzamento da súa vivenda; mulleres vítimas de violencia de xénero; unidades familiares con maiores de 65 anos ou dependentes; ou atoparse en situación de dificultade para acceder a unha vivenda de aluguer no municipio, etc.

UCN entende que a través deste convenio é a oportunidade que permitirá ao Concello de Nigrán crear unha bolsa de vivendas baleiras para aluguer social, incorporando as vivendas de organismos, particulares, empresas etc., e que non se atopen habitadas, para conseguir unha bolsa de vivendas para dar resposta ás necesidades e demandas de persoas en situación vulnerable no municipio, fixando un prezo máximo de renda por aluguer de 300€ mensuais.

Fernández Comesaña cre que se trata dun paso importante para poder dar solución aos veciños que se atopen con dificultades, unha alternativa alcanzable que lles permita acceder a unha vivenda digna e a un prezo relativamente económico.

“Por iso non se entenden moi ben as dúbidas que a estas alturas poidan ter os concelleiros do Partido Popular, cando se trata dun programa impulsado polo seu propio partido desde a Xunta, e que ademais, está a sumar adhesións non só en Concellos onde goberna o PP, senón tamén naqueles onde son oposición”, conclúe o portavoz de UCN.

Anuncios