Anuncios
Ticker de novas

Tirilonte asinou o sétimo posto no seu debut co Club Ciclista Rías Baixas en Almagro

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

Arrancou a tempada para o Club Ciclista Rías Baixas cun Top-10 para unha das súas incorporacións. Diego Tirilonte ocupou a sétima posición no sprint masivo que decidiu o gañador da primeira xornada do Memorial Manuel Sanroma en Almagro (Cidade Real). O cántabro demostrou a súa punta de velocidade no desenlace de 105 quilómetros que tiveron a outro representante da entidade presidida por José Luis Chamorro como un dos grandes protagonistas.

Raúl González filtrouse nunha fuga de sete corredores que chegou aos últimos 15 quilómetros con 40 segundos de vantaxe. O vigués e os seus compañeiros de escapada abriron oco no tramo final tras unha primeira hora de carreira na que se voou a 46 kms/h por un terreo chairo.

O empuxe do pelotón neutralizou ao corredor que se estreaba coas cores do Club Ciclista Rías Baixas e ao resto de aventureiros nos últimos 10 quilómetros. O portugués Leonel Sousa (Supermercados Froiz) foi o máis rápido na recta final. Ademais de Tirilonte, Raúl González (24º), Diego González (25º) e Jon Ander Tomei (27º) tamén chegaron co mesmo tempo que o gañador.

Este domingo a partir das 10:00 horas disputarase a segunda e definitiva xornada deste memorial en terras manchegas. O percorrido de 145 quilómetros con inicio e final en Almagro presenta un porto de montaña.

Anuncios