Anuncios
Ticker de novas

“Mulleres en acción: Violencia Zero” chega este martes a Nigrán coa actuación de “Perdomus”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a Deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, acompañadas polo alcalde de Nigrán, Juan González, asisten este martes 21 de febreiro ás 13:00 horas na Praza do Concello de Nigrán á intervención “Nada máis alá”, da artista Permodus, na que se pretende transcender as palabras para levalas á voz e á acción.

No seu traballo como bailarina e coreógrafa, Permodus colabora con artistas de diferentes ámbitos: composición, baile, música, pintura, poesía e interpretación, e traballa tamén como repetidora, asistente de coreografía e axudante de dirección. Como mestra imparte cursos, obradoiros e clases desde moi nova. No evento, enmarcado na segunda edición do proxecto da institución provincial “Mulleres en acción: Violencia Zero”, participarán estudantes de centros escolares da vila.

“Mulleres en acción: Violencia Zero” é un proxecto de acción artística contemporánea no espazo público para reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco no estado actual da problemática da violencia machista no noso país. Este ano, o proxecto quixo ir máis aló da primeira edición, na que se celebraron o 25 de novembro dez performances, organizando accións en 25 concellos da provincia de Pontevedra entre os meses de novembro de 2016 e novembro de 2017, para darlle máis visibilidade á lacra da violencia machista.

As accións, a razón de dúas por mes, estanse a desenvolver nos concellos de Pontevedra, Vigo, Marín, Tomiño, Nigrán, Vila de Cruces, Ponteareas, Cambados, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, O Grove, A Guarda, Soutomaior, Poio, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda, Meaño e Tui.

Anuncios