Gondomar celebrou con gran éxito de público o I Certame de Coplas de Entroido, organizado polo Centro Cultural e Veciñal de Peitieiros, coa colaboración da Concellería de Cultura, co obxectivo de recuperar esta parte do entroido tradicional galego, o recitado ou cantado de coplas nas que contar os acontecementos do ano cunha mestura de crítica e humor.
Nesta primeira edición participaron tres comparsas, ademais de O Tourón, do propio Centro Cultural de Peitieiros, Animodo de Domaio, representativa desta tradición do entroido no Morrazo, e a decana Os Tarteiras do Casco Vello, elemento imprescindible do entroido vigués.
A composición das coplas debía estar redactada integramente en galego, libre, cun mínimo de 8 estrofas, con interpretación acompañada de música en todo ou en parte. Nas letras non faltaron mencións aos políticos locais, os recortes e incluso a familia real.
Ademais de cantar coplas, as comparsas participantes realizaron un pasarrúas desde a Alameda de Gondomar ata a Praza Ángel Urzáiz, onde se celebrou o certame. Nesta primeira edición non houbo premios materiais, cada agrupación recibiu unha cabaza artesá feita por dous veciños de Mañufe como recordo da súa asistencia.
Concluído o recital, a Asociación de Danza de Gondomar presentou o seu espectáculo Zarpiñas e Miaños na Praza do Concello.

