Anuncios
Ticker de novas

Continúan os faladoiros do IEM con “Galicia sen rumbo”, por Antón Baamonde

FOTO: CONSELLO DA CULTURA GALEGA

O Instituto de Estudos Miñoráns organiza este venres día 24 de febreiro ás 20:30 horas o faladoiro “Galicia sen rumbo”, que se desenvolverá na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avenida da Feira Nº 10 baixo, Gondomar, por Antón Baamonde.

Antón Baamonde, Vilalba, 1959, é profesor de filosofía de secundaria e escritor. A súa vocación quedou establecida cando, á tenra idade dos catorce anos, un mentor prestoulle un exemplar de “Apocalípticos e integrados na cultura de masas” de Umberto Eco. Decidiu entón tomar o camiño do ensaio máis ou menos filosófico e da crítica máis ou menos cultural, onde segue. Foi mallando gran dende a semiótica ao pensiero debole, pasando, claro, por Frankfurt e pensa que algo lle quedou entre as mans. Entre os seus libros, poden destacarse “En favor da Esperanza”, “Sobre o tempo e outros desatinos” “Aire para respirar” “A rosa sen por qué” e, o último, “A derrota de Galicia”. En castelán poden atoparse “La reinvención de España” (Ed. Ronsel) “El Laberinto y sus salidas (Ed. Tecnos) e “La rosa sin porqué” (Ed. Pre-Textos).

Polo demais, formou parte da redacción da revista xeracional “Luzes de Galiza” e creou o Foro do mesmo nome que buscaba crear un espazo de opinión galeguista e progresista á marxe do conservadorismo dominante. Ademais de ter publicado numerosos ensaios e artigos en revistas (Grial, Galicia Internacional, Luzes, etc.) foi colaborador usual de “La Voz de Galicia”, de “La Opinión de A Coruña” e da edición galega de “El País”. Tamén da Radio Galega e da SER. Forma parte da sección de pensamento do Consello da Cultura Galega.

Anuncios