Anuncios
Ticker de novas

A Garda Civil desactiva un proxectil da guerra civil localizado no garaxe dunha vivenda

FOTO: GARDA CIVIL

Os especialistas TEDAX do Servizo de Desactivación de Artefactos Explosivos da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra destruíron un proxectil de artillería da guerra civil española que recolleron no municipio de Ponteareas.

O artefacto foi localizado a pasada semana no garaxe dunha vivenda situada nunha parroquia do termo municipal de Ponteareas. O protocolo de actuación neste tipo de incidencias activouse cando o propietario do inmoble comunicou o achado no cuartel da Garda Civil da súa localidade. O TEDAX da Garda Civil acudiuse no inmoble e procedeu á remoción e posterior neutralización do proxectil, cuxas tarefas se desenvolveron sen incidentes, coas previdas medidas de seguridade e protección.

Segundo o informe elaborado polo equipo TEDAX que acudiu a Ponteareas, trátase dun proxectil de uso militar, dos utilizados na pasada guerra civil española, de 105 mm., de calibre e 41 cm., de lonxitude. Segundo as comprobacións efectuadas polo TEDAX, o proxectil tiña no seu interior toda a carga e, aparentemente, en boas condicións de conservación.

Durante o pasado ano o Grupo de Especialistas en Desactivación de Explosivos da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra resolveron 17 incidencias: 12 delas na provincia de Pontevedra e 5 en Ourense.

Estas actuacións permitiron incautar e destruír preto de 200 artefactos de natureza explosiva ou incendiaria, como material pirotécnico, granadas de man e de morteiro, bengalas e proxectís de artillería de distintos calibres. Este total fórmano, entre outros: 2 proxectís de artillería, 5 granadas de morteiro, 25 bengalas de sinalización marítima e 131 detonadores pirotécnicos.

Neste tipo de incidencias e no caso de atoparse ante un obxecto abandonado que poida resultar sospeitoso de ser artefacto explosivo, incendiario ou pirotécnico, a Garda Civil recomenda á cidadanía seguir as seguintes indicacións: non tocar, non mover, sinalizar e avisar e darlle a consideración de real a calquera obxecto, con aparencia de artefacto explosivo, que resulte estraño á contorna en que se atopa.

Así como non tocar nin mover o obxecto e chamar ao ‘062’, que a Garda Civil ten dispoñible as 24 horas do día, para que os mesmos poidan ser neutralizados e destruídos, de maneira segura, por especialistas na materia.

Se fose posible, permanecer nas proximidades do lugar ata a chegada das Forzas e Corpos de Seguridade. En caso contrario sinalizar a zona ou facilitar as coordenadas a través dalgún programa ou aplicación de localización GPS, moi habituais hoxe día nalgúns teléfonos móbiles. Calquera tipo de manipulación podería carrexar fatais consecuencias.

Anuncios