Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas estrea a tempada este fin de semana en Almagro

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

A quinta campaña do Club Ciclista Rías Baixas na categoría Elite e Sub 23 arranca este fin de semana en Almagro (Cidade Real). Despois de converterse a pasada tempada no terceiro mellor equipo do pelotón español, o proxecto presidido por José Luis Chamorro regresa ás estradas cun bloque profundamente renovado e moi novo. O XVIII Memorial Manuel Sanroma será un test de fronte ao comezo o domingo 26 de febreiro da Copa de España, un dos grandes retos este curso da entidade do Val Miñor.

Marcos Serrano presentará en terras manchegas unha formación composta por Jesús Nanclares, Diego Tirilonte, Diego González, Xoel Dias, Rodrigo Enríquez, Joan Ander Tomei, Borja Alfaraz e Raúl González. “O equipo está con ganas e con xente que aspira a dar un salto de calidade. Durante a pretempada realizamos catro concentracións. O tempo acompañou e puidemos completar bos adestramentos”, explica o director deportivo do conxunto miñorano.

A primeira xornada desta competición que homenaxea ao malogrado ciclista Manuel Sanroma, falecido durante a Volta a Catalunya de 1999, disputarase o sábado a partir das 15:00 horas sobre un percorrido de 105 quilómetros, con saída e meta en Almagro. Esta localidade repetirá o domingo, desde as 10:00 horas, como punto de partida e chegada de 145 quilómetros co paso por un porto de montaña.

“Son dúas etapas chairas, con algunhas zonas rompepernas, que se se celebraran a metade de ano decidiríanse case seguro ao sprint. Con todo, ao ser a primeira carreira do calendario sempre hai máis guerra e máis nervios. O ano pasado o vento xogou un papel fundamental”, indica Serrano, que aproveitará esta proba para realizar un ensaio xeral: “Cun equipo totalmente novo este ano queremos facelo mellor na Copa de España e antes de que comece sempre buscamos algunha carreira. Por iso imos a Cidade Real”.

Presentación

Tras esta primeira toma de contacto, o Club Ciclista Rías Baixas regresará á súa terra para preparar a primeira xornada da Copa de España, que terá como escenario Don Benito (Badaxoz). Antes de poñer rumbo a Estremadura, a entidade con sede en Nigrán vestirase de gala para o seu acto de presentación, que terá lugar o venres 24 de febreiro no Parador de Baiona ás 20:15 horas.

Anuncios