Anuncios
Ticker de novas

A SGAE reclama ao Concello de Nigrán 8.000 euros por concertos desde 2009 a 2013

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O goberno de Nigrán levará ao vindeiro pleno a aprobación de 83 facturas pendentes de pago dende 2009 á actualidade e que suman un total de 63.144,45 euros correspondentes a 22 provedores diferentes (a maioría pequenas empresas da comarca). Todas elas son facturas de traballos xa realizados e que, tal e como considera o goberno local, “débense abonar inmediatamente para non causar ningún quebranto económico a estas empresas, como si sucedera en períodos pasados en que tardaban anos en cobrar”.

O maior importe correspóndese a gastos realizados polo Concello para a realización de obras urxentes dirixidas a conservar infraestruturas. Neste eido algunha das empresas ás que se lle deben máis cartos (ata 10.000 euros en material de ferraxería) están nesta situación por non presentar no seu momento a facturación de xeito electrónico, tal e como obriga a lei.

Outro dos aspectos máis destacables é a débeda de 8.028,98 euros á Sociedad General de Autores y Editores (SGAE) por dereitos de autor de concertos que se remontan dende o ano 2009 (Mercedes Peón ou Berrogüeto, entre eles) ao 2013 (ano no que figura a actuación de David Civera, que con 2.000 euros é a suma máis alta). En total, a SGAE reclama o pago corresponde a unha vintena de actuacións realizadas nestes cinco anos, dende actuacións en Praia América, San Fiz ou o Nigranjazz).

Ademais, xunto ás facturas figura o pago de desprazamentos, dietas e asistencias a tribunais de persoal por valor de 4.527,84 euros ou unha subvención por importe de 300 euros.

“Queremos que estes gastos extraxudiciais se reduzan ao máximo, pero en determinadas situacións de urxencia é inevitable recorrer a eles”, indica o alcalde, Juan González.

Anuncios