Anuncios
Ticker de novas

200 efectivos velarán pola seguridade e o bo desenvolvemento da Festa da Arribada

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Concello de Baiona atópase mergullado nos preparativos da XXII edición da Festa da Arribada, a segunda desde a súa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional. O Consistorio dispoñerá un operativo especial de emerxencias durante os días 3, 4 e 5 de marzo polo que se incrementarán as medidas de seguridade e intensificarase a colaboración entre os distintos corpos de seguridade.

Así o trasladaron nunha rolda de prensa a Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, o alcalde do municipio, Ángel Rodal, o Inspector Xefe da Policía Local, Pedro Alonso, e a concelleira de Cultura, María Iglesias, tras a reunión da Xunta Local de Seguridade de Baiona, á que tamén asistiron representantes de todos os corpos e forzas de seguridade que intervirán para establecer o plan de actuacións que se aplicará durante a celebración da Festa da Arribada.

Co obxectivo de garantir tanto a seguridade como os accesos á vila e o bo desenvolvemento das actividades programadas, dispuxéronse uns 200 efectivos.

Neste operativo especial, ademais da Policía Local de Baiona, participarán axentes locais doutros 14 municipios, como Cambados, Tui, Vigo ou Nigrán. A estes efectivos uniranse as tres seccións de Garda Civil, que son as do mar, a de tráfico e a especializada en seguridade e orde público. No operativo tamén teñen unha destacada función os servizos de Emerxencias do Val Miñor e Protección Civil.

Todos eles serán coordinados a través do posto avanzado do 112, un camión equipado cos equipos máis avanzados tecnicamente que permite aos responsables adoptar as decisións sobre o terreo, contar con información a tempo real e un espazo propio no que reunirse. Conta ademais con drons para o control de masas e vehículos.

Como novidade, este ano triplicaranse os medios sanitarios cun autobús medicalizado, que atenderá “in situ” as emerxencias, para evitar o colapso das ambulancias.

O protocolo de seguridade contempla varias liñas de actuación, entre elas as deseñadas especialmente para casos de emerxencia que se poderán levar a cabo tanto por mar, como por aire e terra. As actuacións tamén se centran en garantir a seguridade de todos os cidadáns con accións preventivas.

XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE DE BAIONA

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Anuncios