O Obradoiro Terras do Miñor ofrece un xantar de San Valentín a 60 maiores da comarca

A Mancomunidade do Val Miñor invitou a comer este martes na Residencia de Tempo Libre de Panxón, coincidindo co día de San Valentín, a 60 veciños e veciñas de Baiona, Nigrán e Gondomar, que foron atendidos polos 20 alumnos e alumnas da comarca que, dende o pasado mes de decembro, están a recibir formación e emprego a través do Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor V”.

A velada comezou cun cóctel de benvida composto por empanada de bacallau con pasas e mazá, caracolas de paté ás finas herbas, palmeriñas de anchoas, parmesano e tomate, tosta de salmón con salsa tártara, montadiño de queixo de cabra con marmelada de amorodo, mexillóns en escabeche de “La Vera” e mini-brochetas de lagostinos ao curri, xunto con Cup Terras do Miñor, Sangría de Albariño, Legado del Conde (Albariño) e Mencía (As Chas), para pasar despois a un completo almorzo adaptado a esta data especial, con vieiras á galega, xarrete estofado ao albariño con patacas risoladas, corazón palpitante de crema de froitas exóticas e café.

Esta iniciativa mixta de formación e emprego conta con dúas especialidades: operacións básicas de cociña e servizos de restaurante e bar para que as 20 persoas desempregadas aprendan e traballen de forma práctica nunha ocupación encamiñada ao sector da hostalería. Os obxectos de actuación deste programa son a elaboración de comidas e servizo de restaurante para o comedor social da Mancomunidade; actos socioculturais e/o deportivos; exaltación de produtos típicos da zona e limpeza de instalacións de titularidade municipal ou preparación de bebidas, mesas para actos dos concellos. O persoal a cargo do curso está formado por un director, un titor, dous docentes e persoal administrativo de apoio.

Ao cóctel de benvida asistiu o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, xunto ao alcalde de Baiona e presidente da Mancomunidade do Val Miñor, Ángel Rodal. Tamén estivo presente o rexedor de Gondomar, Francisco Ferreira, e a Tenente de Alcalde de Nigrán, Raquel Giráldez, ademais de concelleiros dos tres municipios da comarca.

A Xunta destina preto de 180.000 euros a este programa para a Mancomunidade do Val Miñor, sendo xa a quinta edición na que se outorga esta iniciativa mixta. Esta formación impulsa tamén o emprendemento xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos. Ademais de recibir esta formación tamén percibirán o salario mínimo interprofesional e un certificado de profesionalidade ao remate do mesmo.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.