Anuncios
Ticker de novas

Nigrán denuncia o estado de abandono do exterior do Centro de Saúde de Panxón

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán denuncia o estado de completo abandono no que a Xunta mantén o exterior do Centro de Saúde de Panxón, un edificio que foi inaugurado en xuño do ano pasado. Así, o terreo de natureza dunar de 4.395 metros cadrados sobre o que se asenta esta moderna construción de 1.375 metros cadrados ofrece una imaxe de abandono e descontrol absolutos, funcionando na práctica como aparcamento improvisado de vehículos e non como zona de recreo e esparexemento, que é o que se contemplaba e que realmente nunca chegou a ser.

“A imaxe é lamentable: o sistema de rego está roto debido aos vehículos, as árbores están secas, o terreo totalmente descoidado… O contraste entre o edificio moderno e o exterior é brutal”, sinala o alcalde, Juan González, quen incide en que practicamente todas as semanas recibe queixas de veciños. Neste sentido, urxe á Xunta a que tome cartas no asunto e recupere este espazo, “O ano pasado lle demos autorización para facer un peche perimetral e todo segue igual, no verán foi un caos de coches e a situación non mellorou”, insiste.

O centro de saúde está construído nunha parcela que o Concello cedeu á Xunta no ano 2006, sendo o proxecto unha realidade en 2016 tras unha década de retraso.

Anuncios