Nigrán Decide presenta unhas bases alternativas para a convocatoria de subvencións

Nigrán Decide presentou este venres aos grupos municipais unha proposta de bases alternativas para a concesión de subvencións de actividades culturais, deportivas, festeiras e para o fomento do asociacionismo en Nigrán, cunha nova estrutura máis xusta, para o seu debate na comisión informativa.

As bases propostas que, por suposto poden e teñen que ser melloradas coas achegas dos demais grupos, teñen unha estrutura nova na que se define cales son as actividades e os gastos subvencionables. Como novidade, non se limita a cantidade de actividades subvencionables e as actividades veciñais e festeiras sepáranse en dúas liñas diferentes, unha para as festas propiamente ditas e outra de fomento do asociacionismo, establecendo neste último caso subvencións a gastos necesarios para desenvolver a actividade ordinaria dos colectivos como poden ser os derivados dos seguros de responsabilidade civil.

No caso das actividades deportivas, ademais de subvencionar a realización de actividades puntuais, proponse unha liña de subvencións para equipos que participen en competicións oficiais, chamada de fomento do deporte, para os gastos derivados da súa participación en ditas competicións, onde se valorará a cantidade de deportistas de cada entidade, especialmente das categorías de deporte base. Por último, nas actividades festeiras establécense unhas contías mínimas para as actividades das diferentes parroquias.