Anuncios
Ticker de novas

O gondomareño Aarón Domínguez Costas cursará Bacharelato en Canadá

FOTO: IES AUGA DA LAXE

O mozo gondomareño Aarón Domínguez Costas cursará 1º de Bacharelato en Canadá grazas a unha das 80 bolsas que a Fundación Barrié de la Maza-Amancio Ortega concede a estudantes de centros de Galicia. Trátase dun alumno do IES Auga da Laxe que está en 4º de ESO e cursou toda a súa etapa escolar no centro cun moi bo expediente académico.

O programa de Bolsas da Fundación Amancio Ortega ten o obxectivo de facilitar a aprendizaxe da lingua inglesa e inmersión na cultura estranxeira a alumnos/as de institutos galegos durante un ano académico. Aarón convivirá durante 10 meses cunha familia de acollida e cursará Grao 11 (nivel equivalente a 1º de Bacharelato) o próximo curso escolar 2017/2018.

A bolsa cobre o 100% do custo do curso escolar en Canadá ou Estados Unidos: viaxe, taxa de escolarización, convalidación de estudos, aloxamento e manutención nunha familia de acollida, seguro médico e de accidentes, e o apoio continuado durante os 10 meses de estancia.

O Programa convoca 500 bolsas -80 en Galicia e 420 no resto de comunidades autónomas- dirixidas a estudantes de 4º de ESO de centros españois, para estudar Primeiro de Bacharelato nun High School en Canadá ou Estados Unidos o próximo curso escolar 2017-2018.

Anuncios