Anuncios
Ticker de novas

O Entroido de Baiona xa conta con dezaseis comparsas inscritas

Baiona vivirá unha semana enteira de festas coa celebración do Entroido, primeiro, e A Arribada, despois. O calendario quixo que este ano o Entroido baionés coincidira tan só uns días antes da primeira fin de semana de marzo, data establecida para a Festa da Arribada, polo que a Vila encadeará ambas dúas celebracións.

O Desfile de Comparsas celebrarase o martes 28 ás 17:00 horas e a día de hoxe xa están inscritas un total de dezaseis comparsas. O prazo de inscrición remata o próximo 24 de febreiro e o percorrido sairá da avenida urbana de Sabarís e discorrerá por Santa Marta, Monterreal e Elduayen para rematar na Alameda Carabela Pinta.

Establécese un límite máximo de participación de 20 comparsas, que serán admitidas por rigoroso orde de inscrición no rexistro municipal do concello, e deberán participar tanto no desfile do martes 28 de febreiro como no Enterro da Sardiña, que terá lugar o mércores 1 de febreiro ás 19:00 horas desde a Praza do Concello ata a Praia da Ribeira, cun mínimo de 10 compoñentes por comparsa.

Os premios irán desde os 900 euros para a comparsa gañadora ata os 650 euros para o segundo clasificado e 500 para o terceiro. Entre as demais comparsas participantes, repartiranse o resto dos premios (4.450 euros) que se distribuirán de acordo co número de compoñentes: de 81 a 100 compoñentes (500 euros), de 61 a 80 (400), de 41 a 60 (300), de 21 a 40 (200) e de 12 a 20 compoñentes (100).

O xurado estará integrado por persoas do mundo da cultura, o deporte, a música, as letras, etc., designadas polo Concello, e valorará, entre outros aspectos, os disfraces, máscaras, maquillaxes, etc, axeitados á temática que representen, a orixinalidade, inxenio, caracterización, instrumentalización, etc., a actitude no desfile acorde co motivo na exhibición, a calidade e creatividade na exhibición e o número de compoñentes da comparsa.

As bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 2 de febreiro.

Anuncios