Anuncios
Ticker de novas

Nigrán crea un servizo de información e asesoramento sobre a recente regularización catastral

Concello de Nigrán e Deputación de Pontevedra facilitarán información e asesoramento á veciñanza sobre a recente regularización catastral feita dende o Ministerio de Facenda e que afecta ás construcións non dadas de alta. Así, dous técnicos estarán a disposición dos interesados dende o luns 13 de febreiro ao venres 3 de marzo de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas nas instalacións municipais do Centro de Información á Muller (Estrada pola Vía 65, antiga estación de tranvía en Panxón).

O Ministerio de Facenda do Goberno de España publicou no Boletín Oficial do Estado do 22 de febreiro de 2016 un procedemento de regularización catastral que se aplicará a municipios de toda España, entre eles o de Nigrán. Non se trata dun incremento do valor catastral nin de urbano nin de rústico, senón dunha “revisión daquelas construcións que non estean de alta co fin de garantir a concordancia entre a descrición castastral de bens inmobles coa realidade inmobiliaria”, tal e como se recolle no comunicado remitido dende a Dirección Xeral do Catastro ao Concello. No 2016 realizouse este traballo de campo e dende este organismo dependente de Facenda estase a comunicar a situación aos contribuíntes afectados, que agora teñen a posibilidade de obter máis información grazas a este servizo que pon en marcha Deputación e Concello de Nigrán.

Segundo informan, dita regularización excluirá a aplicación de sancións que puideran esixirse polo incumprimento da obriga de declarar de forma completa e correcta as circunstancias determinantes da alta ou modificación do procedemento de regularización. A pesar de non aplicar sancións, a Dirección Xeral do Castastro cobrará unha taxa de 60 euros por cada inmoble obxecto da regularización, feito co que se mostra “en absoluto desacordo” o alcalde de Nigrán, Juan González, “porque isto vai supoñer unha carga económica, en moitos casos, máis elevada que o propio tributo”.

Anuncios