Anuncios
Ticker de novas

A Liga de Inverno Clase J80 chega ao seu ecuador este sábado en Baiona

FOTO: MONTE REAL CLUB DE YATES

A Liga de Inverno Clase J80 do Monte Real Club de Yates chega este sábado ao seu ecuador coa celebración da terceira das seis xornadas programadas nun calendario regateiro que se abriu o pasado mes de xaneiro e que se prolongará ata finais de marzo.

A competición organizada polo club baionés, na que se disputan a vitoria once barcos monotipos da clase J80, dará comezo ás tres da tarde, e incluirá varias regatas con percorridos barlovento sotavento en augas da baía de Baiona.

O parte meteorolóxico indica que o vento soprará do nordés, con certa intensidade, entre os cinco e os dez nós, ou mesmo superándoos, con picos de ata catorce, o que apunta a que o comité de regata poderá dar saída ás tres probas programadas.

Tras a liña de saída colocarase por primeira vez, este sábado, o Náutico Cormorán do Real Club Náutico de Vigo, que se suma á frota da liga de Inverno Clase J80 a metade de competición liderado por Francisco Javier Martínez, e con Alfonso Otero, Carlos González e Maruxa Sío completando a tripulación.

Unha nova embarcación que pelexará xunto ao resto por arrebatarlle o liderado ao Okofen de Javier de la Gándara, imbatible ata o momento. Logrou seis vitorias nas seis regatas disputadas e colocouse a dez puntos de separación dos seus rivais máis directos, o Miudo by Storax de Francisca Barros e o Virazón de Miguel Lago.

Completan a clasificación o Ferralemes de Enrique Porto, o Cansino de Fernando Yáñez, o Mondo de Bernardo Macedo, o Luna Nueva de Juan Luis Tuero, o Pazo de Cea de María Campos, o Namasté de Luis de Mira e o Alumisel de Willy Caamaño.

Anuncios