
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantivo hoxe un encontro cos directores e directoras dos centros sociocomunitarios de Vigo e a súa área territorial para escoitar as súas opinións e poder mellorar así a prestación que se ofrece aos usuarios e usuarias que día tras día se achegan ata estes “lugares de encontro”.
A área territorial de Vigo conta cun total de 9 centros sociocomunitarios: tres en Redondela, Baiona e O Porriño mentres que no caso da cidade olívica, existen 6. Rivera Atienza, Bouzas, Coia, Pi y Margall, Teis e O Calvario son as instalacións polas que, de media, soen pasar unhas 1.000 persoas ao ano para beneficiarse das súas actividades ou para disfrutar doutros servizos que se ofrecen coma a biblioteca, sala de xogos, ler a prensa, cafetería, servizos de podoloxía ou perruquería, etc.
En total, os 9 centros sociocomunitarios mobilizan entre 9.000 e 10.000 usuarios anuais aos que, de xeito global, se lles ofrecen máis de 200 actividades. Cursos de taichi, bolillos, informática, inglés, música, obradoiros de cerámica, de costura ou cociña, entre outros moitos, se suman ás excursións, charlas ou conferencias que tódolos días se ofertan nestas instalacións que dependen da Consellería de Política Social.
En rolda de prensa, López-Chaves destacou “o importante labor” que desenvolven estes centros sociocomunitarios para todos os usuarios e usuarias –a maioría persoas maiores de 60 anos- que poden elixir múltiples actividades a realizar. O obxectivo non é outro que axudar na mellora da calidade de vida e dun envellecemento activo, garantindo unha vida saudable, independente e segura na que se aposta polo enfoque preventivo como unha das ferramentas máis efectivas.