Anuncios
Ticker de novas

Nigrán creará este ano 26 postos de traballo temporal e catro bolsas a través da Deputación

O Concello de Nigrán creará este ano a través de diferentes plans da Deputación de Pontevedra 26 postos de traballo temporal (21 peóns forestais, 2 albaneis e 4 conserxes) e catro bolseiros con diferentes perfís para diversos departamentos municipais.

Así, a través do Plan de Práctica Laboral 2017 o Concello vén de solicitar á Deputación catro bolseiros (é o número máximo que lle corresponde a Nigrán, acorde ao número de habitantes) que se incorporarán previsiblemente en maio durante 6 meses prorrogables a outros 6. Os perfís requiridos son unha persoa con titulación en Dereito (licenciatura/grao) para o departamento de Contratación; unha persoa con Grao en Informática e Documentación para Arquivo e Biblioteca; unha persoa con FP CS de Guía, Información e Asistencia Turísticas para a Concellería de Turismo, Cultura, Xuventude e Igualdade e, finalmente; unha persoa con FP CS de Administración e Finanzas para os departamentos Económico-Financeiros. Ao igual que na edición do ano pasado, a institución provincial asume a súa financiación total (ademais da súa distribución, asignación, selección e adxudicación). En total, son 200 bolsas creadas dende a Deputación e que están dirixidas a mozos da provincia, titulados universitarios e de formación profesional sen experiencia previa no eido da súa formación.

“Como institución pública temos a obriga de dar as maiores facilidades á xuventude para atopar o seu primeiro emprego, dende o Concello debemos axudar a que completen a súa formación académica con vistas a unha mellor incorporación ao mercado de traballo e, sen dúbida, o consistorio tamén se beneficiará da súa presenza”, indica o alcalde, Juan González.

Por outra banda, o goberno de Nigrán aposta por crear o máximo número de postos de traballo a cargo do Plan Concellos da Deputación para este ano 2017 (supón 218.252 euros asignados como tope a este fin) polo que exporá a contratación de 20 desbrozadores, 4 conserxes e 2 albaneis, todos eles cun salario medio de 1.137 euros mensuais. O proceso selectivo aínda non está aberto e, segundo publican as bases e como xa sucedeu na derradeira convocatoria, levarase a cabo a través dos Servizos Públicos de Emprego, dentro da máis absoluta transparencia. Entre as labores que desenvolverán atópase a conservación dos bens municipais, o mantemento das estradas, camiños e roteiros en perfecto estado, a protección do medio ambiente ou a preservación das instalación escolares (a clara aposta pola educación pública se materializará tamén na contratación de tres conserxes que realizarán a súa labor no CEIP Carlos Casares, Mallón e da Cruz, en Camos). “Son postos que consideramos prioritarios para un perfecto funcionamento diario nos colexios, xa que contribúen a dar un mellor servizo aos nenos e, por ende, a toda comunidade educativa”, indica González. Sobre os desbrozadores e albaneis opina que “contribuirán a mellorar os servizos municipais máis directamente vinculados coa conservación do patrimonio e o entorno”, incide González, quen recalca que o seu esforzo mellorará sensiblemente a atención aos veciños sen afectar en absoluto ás contas municipais.

O Concello de Nigrán insistiu en investir para estas 26 contratacións o 100% dos 218.252 euros asignados como tope a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación.

“Consideramos prioritario a creación do máximo número de postos de traballo cun salario e condicións dignas para chegar así a máis familias necesitadas de Nigrán; 1.137 euros mensuais é o salario mínimo interprofesional, unha cantidade que pode sacar de apuros a moitos veciños. Se aplicamos o criterio de Nigrán Decide só poderemos contratar a 13 persoas, en cambio, nós apostamos por axudar ao máximo número de xente mantendo sempre unhas condicións laborais e salariais dignas”, subliña o alcalde, Juan González. A selección que se fai dende a Oficina de Emprego de Baiona é só entre empadroados no municipio e responderá precisamente aos criterios establecidos dende a Deputación (BOP 30 decembro de 2016) que outorgan preferencia a vítimas da violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas candidatas con familia monoparental con fillos ao seu cargo, persoas candidatas cos niveis de renda máis baixas e as que teñen cargas familiares.

Anuncios