Anuncios
Ticker de novas

Catro deportistas do Club de Loita Sabarís participan este sábado no Campionato Galego

Este sábado día 11 de febreiro organízase na cidade de Pontevedra o Campionato Galego sénior e cadete de Loitas Olímpicas, tanto en categoría masculina como en categoría feminina. O campionato terá lugar no Pavillón do CGTD de Pontevedra, de 10:00 a 14:00 horas.

O Club de Loita Sabarís acudirá ao Campionato Galego de Loita Olímpica categoría cadete con catro dos seus deportistas. Diego Otero participará na categoría de 66 kg, Anxo Uzal en 58 kg, David González en 42 kg e Cristian Suárez en 76 kg.

Como en anos anteriores, a cidade de Pontevedra acolle un dos eventos máis importantes do calendario autonómico, sendo esta cita primordial para a clasificación dos deportistas de fronte ao Campionato de España de ambos os dous grupos de idade. Os mellores deportistas galegos, estarán a representar aos clubs das 4 provincias. Un total de 119 inscricións nas 6 modalidades deportivas postas en liza, determinarán aos mellores loitadores e loitadoras galegos de cada categoría de peso.

Desta competición sairán os equipos galegos que representarán á nosa comunidade no Campionato de España sénior e cadete do próximo 25 de marzo, que se organiza na cidade de Pontevedra, grazas á axuda directa do Concello. Achegar competicións do máximo nivel a Galicia será a liña de traballo da Federación Galega.

Antes desta cita nacional, algúns dos deportistas que participan este próximo sábado, acudirán ao Campionato de España SUB 23, que se celebra o 18 de febreiro en Madrid. Galicia acudirá cun número reducido de deportistas para centrarse nas categorías previas á absoluta. “Traballar cos deportistas das categorías previas á absoluta, é o mellor investimento que podemos facer para o noso futuro máis próximo”, sinalan.

A competición será retransmitida en streaming grazas á colaboración da Federación Galega con NoaSports TV, LaLiga4Sports e MarcaTV. “Este é o mellor modo de abrir o noso deporte á sociedade da información e chegar a un público moito máis amplo. Temos que agradecer a atención de todos os medios de comunicación que se están envorcando con este evento”, conclúen.

Anuncios