Baiona amplía o Mercado Medieval da Arribada á rúa Marqués de Quintanar

O Concello de Baiona xa ten definidos os cambios que se acometerán na XXII Festa da Arribada, a celebrar entre o 3 e o 5 de marzo, para ofrecer aos miles de visitantes as maiores comodidades e as actividades máis diversas.

Os traballos dos diferentes departamentos municipais implicados na organización da Festa de Interese Turístico Internacional pecharon nos últimos días a reorganización do Mercado Medieval co obxectivo de optimizar os espazos dispoñibles.

Adestramento de Cabaleiros

Desta maneira, algunhas das atraccións máis demandadas polos máis pequenos cambiarán de situación para poder dar unha maior cabida. No caso do Campamento de Adestramento de Cabaleiros, ata o de agora nos xardíns da Hospital Sancti Spiritus, pasará agora aos xardíns da Casa-Museo da Navegación debido as obras de remodelación que se están a levar a cabo na Biblioteca Municipal.

Olimpíadas Medievais

Así, as Olimpíadas Medievais que estaban no exterior do Museo serán instaladas no parque da Palma. Moi preto de alí, a rúa Carabela La Pinta converterase de novo na Alameda dos Aprendices, aínda que desta vez cunha versión máis ampliada e renovada.

Desta forma a Alameda dos Aprendices aumenta un 30 por cento o seu espazo que ocupou o ano pasado para poder acoller un total de dez obradoiros (en 2016 foron seis) na zona situada xunto ao gremio de canteiros e ferreiros. Acuñación de moedas, olería infantil, escritura medieval, tapices de época, obradoiros de coiro, repostería medieval, bordado antigo, ourivaría, lacrado de cartas e gravados serán os talleres dispoñibles para os nenos. Tamén haberá un espazo para Pintacaras.

Marqués de Quintanar e Paseo da Ribeira

O Mercado Medieval tamén ampliarase ao longo do ensanche baionés para ocupar a rúa Marqués de Quintanar e unir toda a liña que vai dende Carabela La Pinta ata a zona do Bo Xantar (arredores de Santa Liberata). Esta nova rúa estará dedicada aos anticuarios e as súas pezas de antigüidade.

“Todos os cambios que imos a poñer en marcha teñen motivos operativos e fanse debido a demanda, xa que van destinados a mellorar a mobilidade de peóns no Mercado Medieval, agrupando os participantes coa mesma temática”, apunta María Iglesias, concelleira de Cultura e 1ª Tenente de Alcalde de Baiona.

No Paseo da Ribeira volverá a instalarse este ano a Parada dos Pobos Irmáns, onde tanto Palos de la Frontera como Santa Fe de Granada, Pornic e Vila do Bispo ofrecerán os seus produtos tradicionais.