Anuncios
Ticker de novas

O Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor V” pon en marcha o comedor social da comarca

A Mancomunidade do Val Miñor puxo en marcha este martes o comedor social que será atendido ata maio polos alumnos do Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor V” posto en marcha cunha achega de 179.134,20 euros (97.150,20 euros para os gastos salariais dos alumnos) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

A quinta edición do Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor” está promovida pola Mancomunidade do Val Miñor e estase a desenvolver desde o 1 de decembro de 2016, na Residencia de Tempo Libre de Panxón. Ao longo dos seis meses de duración, os vinte alumnos traballadores (dez de operacións básicas de cociña e outros dez de servizos de restaurante), serán os encargados de elaborar as comidas e servizo de restaurante para o comedor social que comezou a funcionar este martes.

Os traballadores do obradoiro son sempre seleccionados a través das listaxes do INEM, mentres que os usuarios do comedor social proceden dos departamentos de servizos sociais dos tres concellos da Mancomunidade do Val Miñor.

O presidente da Mancomunidade e alcalde de Baiona, Ángel Rodal, o alcalde de Nigrán, Juan González, e o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, acudiron este martes á presentación do obradoiro e á apertura do comedor social que se desenvolve os martes e xoves, segundo a programación do obradoiro, durante todo o proxecto.

O director do Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor V”, Jose López, destacou a profesionalidade dos responsables do obradoiro e a calidade do servizo que prestarán todos os alumnos. “Temos un comedor social de primeira categoría”, sinalou.

Pola súa banda, Ángel Rodal destacou os esforzos da Mancomunidade para conseguir “xente preparada e especializada grazas aos obradoiros, de maneira que poidamos fomentar o emprego no Val Miñor e que mediante a formación poidan entrar no mercado de traballo”.

O Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor” foi solicitado dende a Mancomunidade o 24 de febreiro, obtendo a resolución favorable da Xunta en outubro. Esta é a quinta edición e conta cunha duración de 6 meses (960 horas en total), comezou o 1 de decembro na Residencia de Tempo Libre de Patos e rematará o 31 de maio.

OBRADOIRO DE EMPLEO TERRAS DO MIÑOR V

Anuncios