Anuncios
Ticker de novas

Baiona coroa o novo éxito do bádminton galego

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

Baiona converteuse este fin de semana en talismán para o bádminton galego ao acoller unha última xornada da liga Nacional na que os equipos da Estrada e As Neves alcanzaron os obxectivos cos que partían a principio de tempada.

E é que o Club Bádminton A Estrada asinou un fin de semana inmaculado para adxudicarse o título de liga e selar o seu ascenso á División de Honra. Os xogadores de Jesús Pereiro non fallaron e con dúas vitorias sobre o Oviedo (6-1) e o Palma (6-1) certificaron xa o sábado a súa gran tempada para distanciarse do Caser Clear Madrid, segundo clasificado con tres puntos menos.

Este domingo, un novo triunfo sobre o Alacante (6-1) pechou a súa participación no Pavillón Municipal de Baiona para coroarse campións da Liga Nacional. Desta forma o equipo que preside Rodrigo Sanjurjo, tamén máximo responsable da Federación Galega de Bádminton, regresa á máxima categoría nacional e o próximo ano pelexará cos mellores clubs de España.

Pola súa banda, o Club Bádminton As Neves, organizador do campionato disputado en Baiona, tamén lograba a permanencia. Tiveron que sufrir os xogadores de Pablo Méndez ata o último suspiro, posto que o sábado caeron derrotados ante o poderoso Caser Clear (5-2) e fronte ao Hoyo Manzanares (3-4).

Todo quedaba pendente do que ocorrese a mañá deste domingo e os das Neves non fallaron. O seu triunfo sobre Torrejón Paracuellos (3-4) permitiulles lograr os puntos necesarios para continuar un ano máis na Liga Nacional.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal; o presidente da Federación Española de Bádminton, David Cabello; o presidente da Federación Galega, Rodrigo Sanjurjo; o responsable de promoción da Federación Galega, Pablo Méndez, e a concelleira de Deportes de Baiona, María Jesús Martíns, asistiron á entrega de premios que pechou un gran fin de semana de bádminton en Baiona.

Os responsables da organización agradeceron o apoio do Concello de Baiona e destacaron a excelente resposta das instalacións do Pavillón Municipal durante un fin de semana marcado polas inclemencias meteorolóxicas.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.