O Centro Cultural de Peitieiros convoca o I Certame de Coplas do Entroido

A Directiva do Centro Cultural e Veciñal (CCV) e a Comisión Organizadora do Entroido CCV Peitieiros 2017 convocan o I Certame de Coplas de Entroido, que se realizará, dentro do programa de actividades do Entroido, o domingo 19 de febreiro na praza de Ángel Urzáiz en Gondomar ás 12:00 horas. Previamente, realizarase un pasarrúas desde a Praza de Manuel Alonso (Alameda).

Tratan así, desde o CCV, de recuperar esta parte do entroido tradicional galego, o recitado ou cantado de coplas nas que contar os acontecementos do ano cunha mestura de crítica e humor. Animan a todo o mundo a participar do espírito do entroido.

Neste concurso poderán inscribirse todos aqueles grupos de persoas que conten cun mínimo de 6 compoñentes. O número máximo de grupos participantes queda limitado a oito, que se seleccionarán por rigorosa orde de inscrición.

As solicitudes de inscrición poderán presentarse no enderezo electrónico ccrpeitieiros@gmail.com, dende o día 4 de febreiro, coincidindo coa data de publicación da convocatoria no Facebook (/Centro-Cultural-de-Peitieiros/), ata as 24:00 horas do día 16 de febreiro do ano 2017.

As bases publicaranse a través de todos os medios posibles e estarán a disposición dos/as interesados/as, xunto co modelo de ficha de inscrición, no Facebook do Centro Cultural de Peitieiros (Facebook: /Centro-Cultural-de-Peitieiros/).

Nesta primeira edición, aínda que non haberá premios materiais, si que se recoñecerán as seguintes categorías: Coplas máis enxeñosas e humorísticas, Mellor acompañamento musical, Mellor posta en escena.

A composición das coplas, que deberán estar redactadas integramente en galego, será libre, cun mínimo de 8 estrofas, con interpretación acompañada de música en todo ou en parte. Cada agrupación poderá presentar un máximo de dúas coplas.

Este certame contará coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar.

Be the first to comment

Leave a Reply

Tu dirección de correo no será publicada.




Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.