Anuncios
Ticker de novas

O PP de Nigrán afirma que se continuase gobernando xa habería nova biblioteca municipal

O portavoz do Grupo Municipal Popular de Nigrán, tras as manifestacións publicadas sobre os atrasos e a falta de actuación para ter unha nova biblioteca municipal, lembra que “se nestes momentos estivese a gobernar o PP a estas alturas de mandato xa se houbese inaugurado unha nova biblioteca municipal nas antigas escolas de Cotros en Mallón”.

O GPdN lembra que o anterior goberno do PP deixou finalizado un proxecto para a “Rehabilitación e conversión da antiga escola de Cotros-San Pedro en biblioteca municipal” realizado en maio de 2015, e deixou previsto o seu financiamento, preto dos 200.000 euros, a través do plan de investimentos da Deputación de Pontevedra do 2015, que faría que xa a estas alturas do 2017 Nigrán podería contar cunha instalación pública con esta finalidade que cubrise as necesidades que se expoñen e que sobre todo puxese fin á precaria situación da actual biblioteca municipal.

Para o GPdN, “lamentablemente o actual alcalde, baixo a incrible e falsa escusa de que o proxecto non era dunha biblioteca senón dunha sala de lectura, decidiu non licitar a obra e destinar os fondos a “outras actuacións” que supoñemos tiñan máis importancia e prioridade que unha biblioteca municipal”.

Para o GPdN esta actuación podería ser complementada cunha actuación noutro dos edificios existentes nas antigas escolas de Cotros que serviría de depósito e arquivo municipal. Por iso, os populares seguen defendendo esta localización como unha localización case perfecta para unha instalación publica como esta, pero tamén comparten con Nigrán Decide a necesidade de poñer en marcha actuacións para que Nigrán poida ter unha biblioteca en condicións canto antes, e que non sexan o deixamento, a irresponsabilidade e a falta de xestión os motivos polos cales non se pon en marcha.

Para o GPdN débese empezar canto antes a analizar todos os aspectos necesarios para poñer en marcha unha nova biblioteca, pero tamén é certo que os populares cren que se finalmente todo queda en analizar e non se pasa á acción estarase a perder o tempo e novamente outra oportunidade, “algo que o actual goberno xa perdeu cando decidiu que unha biblioteca municipal en Nigrán non era o suficientemente importante nin prioritario e decide refugar un proxecto e o seu financiamento que a día de hoxe xa significasen que xa se houbese inaugurado unha biblioteca municipal nova no noso municipio”.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.