
A Concellería de Deportes de Baiona, a Agrupación Deportiva Val Miñor e a Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia organizan o vindeiro venres día 24 de marzo o 8º Torneo Escolar de Bádminton do Val Miñor.
A competición comezará ás 16:00 horas no Pavillón Municipal de Deportes e no do CPI Covaterrela. Participarán as categorías pre benxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete (todas elas tanto masculinas como femininas).
A data límite de inscrición será o día 20 de marzo, sendo necesario que cada neno/a cubra a folla de inscrición e entréguea no Pavillón de Deportes Municipal ou ao profesor de educación física de cada colexio (que terá que facelas chegar á organización do torneo xa sexa por fax ou por e mail) ou chamar ao teléfono 986 356 558, onde se recollerán os datos necesarios para formular as inscricións.
Ademais, a Concellería de Deportes pon a disposición de todos os nenos todo o material necesario para poder competir (raquetas, volantes…) polo que esperan que a falta do mesmo non sexa impedimento algún para non poder participar. O único requisito que se esixe é a presenza do deportista con camiseta e pantalón curto.
O obxectivo do torneo escolar é posibilitar a todos aqueles que queiran participar o xogar o maior número de partidos e pasar unha tarde de diversión a través do bádminton. Entregaráselle a todos os participantes unha merenda e ao final do mesmo realizarase a entrega de premios e o sorteo de agasallos entre os distintos participantes.
Be the first to comment