Anuncios
Ticker de novas

A admisión a centros educativos poderá facerse a través dunha aplicación informática

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde que modifica a aprobada o 12 de marzo de 2013, e na que se contempla a implantación dunha nova aplicación informática que empregarán os centros educativos sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato, para xestionar o procedemento de admisión e a través da que os proxenitores, se así o desexan, poderán cumprimentar e presentar as solicitudes para escolarizar aos seus fillos e fillas. Deste xeito, garántese o dereito da cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo tamén a posibilidade de presentar esta solicitude de forma presencial. A nova orde pode consultarse no enlace.

A modificación leva consigo, ademais, a adaptación do proceso de admisión á última normativa aplicable ao respecto no referido aos servizos de administración electrónica e de procedemento administrativo común (en vigor dende outubro de 2016). En calquera caso, a finalidade é facilitar e axilizar a tramitación.

Solicitude e seguimento

O obxectivo desta nova ferramenta é facilitar o procedemento de admisión tanto ás familias como aos centros de ensino.

Neste sentido, ‘admisionalumnado’ (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado) posibilita que as familias (xa para o proceso ordinario que se inicia o 1 de marzo e referido ao curso 2017/18) cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación.

Ademais, as familias poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao cumprimentar a solicitude, xunto co DNI do/a proxenitor/a asinante.

Pola súa parte, os centros de ensino xestionarán e tramitarán as solicitudes directamente a través da aplicación, o que suporá simplificar a xestión administrativa que teñen que desenvolver no proceso. Para facilitar o coñecemento e funcionamento da nova aplicación ofreceuse previamente á súa implantación, formación aos centros docentes sobre o seu manexo e, así mesmo, contarán con instrucións específicas sobre o seu funcionamento e disporán de asistencia técnica durante a tramitación do procedemento.

Consulta de datos

Por outra banda, a orde publicada hoxe adáptase á normativa actual en materia de servizos electrónicos e procedemento administrativo. Deste xeito, a través dos modelos normalizados de solicitude a cidadanía pode facer efectivo o seu dereito a non achegar documentos que, sendo necesarios para a tramitación do procedemento, fosen elaborados polas Administracións públicas, consentindo a súa consulta a na propia solicitude nos termos esixidos pola Lei Orgánica de Protección de datos de carácter persoal.

Concretamente, dos requisitos e criterios de baremo que se teñen en conta no procedemento de admisión, está dispoñible a consulta automatizada para o DNI (requisito xeral que afecta a todas as solicitudes). Tamén se pode consultar a renda, o domicilio fiscal, a discapacidade recoñecida pola Xunta de Galicia e a condición de familia numerosa; consultas que só se producirán naqueles casos en que o número de solicitudes sexa superior ao de prazas ofertadas.

Se a persoa solicitante ou calquera dos membros da unidade familiar se opón á consulta, terá a obriga de acreditar o requisito ou criterio de baremo achegando o documento de forma presencial para poder telo en conta e, se é o caso, puntualo.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.