Anuncios
Ticker de novas

Xornada informativa para asesorar aos afectados polas cláusulas chan en Baiona

A campaña informativa posta en marcha pola Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para informar aos consumidores sobre a última sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea relativa ás cláusulas chan e o procedemento extraxudicial activado polo Goberno central chegará esta semana a Baiona.

O Auditorio da Casa de Navegación de Baiona (Rúa Ventura Misa, 17) acollerá mañá martes, 31 de xaneiro, a partir das 19:30 horas esta xornada na que a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, explicará os pasos que deben seguir os afectados para facer efectiva a súa reclamación ante as entidades financeiras.

A campaña informativa, que está a percorrer as principais cidades galegas, ten como principal obxectivo prestar información e asesoramento gratuíto ás persoas que se viron afectadas por cláusulas chan abusivas nos seus créditos hipotecarios. A través destas charlas, a Xunta indica a usuarios e consumidores que teñen a súa disposición todos os medios cos que conta a Administración autonómica para que poidan reclamar ante as entidades bancarias a devolución do diñeiro cobrado indebidamente a través das cláusulas chan, e informa sobre o procedemento extraxudicial aprobado polo Goberno central.

Para facilitar o acceso a toda a información que precisan, tamén está publicado na web de Consumo (https://consumo.xunta.gal/) as instrucións sobre cómo proceder para reclamar ante as entidades financeiras, así como un modelo de formulario para realizar a reclamación e a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ao respecto, así como o Real Decreto-lei 1/2017, do 20 de xaneiro, de medidas urxentes de protección de consumidores en materia de cláusulas chan.

Ademais, os cidadáns poden recibir información e asesoramento nas oficinas do Instituto Galego de Consumo, a través do teléfono gratuíto 900 231 123, así como nas oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC) e nas asociacións de consumidores e usuarios de Galicia.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.