Anuncios
Ticker de novas

O Talaso Atlántico rescatará dos fondos de Cabo Silleiro o iate Thalassa en forma de maqueta

O Talaso Atlántico chegou a un acordo coa Asociación de Modelistas Navais de Galicia (www.amonaga.org) para rescatar dos fondos de Cabo Silleiro, en forma de maqueta, o iate Thalassa (1930), afundido durante a madrugada do 1 de xaneiro de 1949 no medio dun forte temporal que o levou a chocar coas rochas do cabo coñecidas polos mariñeiros polo nome de “Punta do Lobo”.

Construído por encargo do Comodoro do Real Club de Iates de Canadá e Presidente da Imperial Oil de Canadá, C.O. Stillman, o Thalassa foi un dos cruceiros máis belos do seu tempo que navegaron sobre as tranquilas augas dos lagos de Ontario. Requisado pola mariña estadounidense en 1943, foi abandonado ao acabar a Segunda Guerra Mundial nun porto de Noruega onde, posteriormente, o Sr. Karlsen adquiriuno co propósito de poñer rumbo ás Illas Galápagos con toda a súa familia e algúns compañeiros, decididos a establecerse definitivamente nesa rexión e impulsar a incipiente industria de salgadura que desenvolveran algúns compatriotas visionarios uns anos antes. Do naufraxio só sobreviviu a filla pequena da familia, Arnhild Karlsen, que reside na actualidade en Oslo e que asistirá como convidada de honra ao acto de presentación desta maqueta.

No centro da imaxe, sostendo unha fotografía do cruceiro, José Rodriguez, da Coruña, un gran artista e verdadeiro referente no mundo do modelismo naval, será o encargado de realizar a maqueta cuxa finalización está prevista para a primavera de 2018. Xunto a el, Jesús Pérez, de Talaso Atlántico, acompañado por dous membros de Amonaga: Juan Olivencia -esquerda-, e Javier García á dereita.

2017-01-30-img_6017-001

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.