Anuncios
Ticker de novas

A Deputación aproba as bases dunha nova edición do programa “Conectadas”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobas as bases da segunda edición do programa de Igualdade “Conectadas”, nesta quenda baixo o nome de “Conectadas 2017”. Esta iniciativa do servizo de Igualdade da institución provincial ten o obxectivo de mellorar a formación básica das mulleres na comunidade para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, reducir a brecha dixital mediante a utilización da información e as novas tecnoloxías e superar os malestares das mulleres derivados da desigualdade de xénero, impulsando accións formativas que incorporan de maneira transversal os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

A Deputación de Pontevedra achega neste exercicio a cantidade de 324.000 €, unha lixeira subida de arredor do 1% fronte aos preto de 321.500 € do ano anterior, cunha oferta inicial de cursos situada en 270 (en 2016 ofertáronse inicialmente 267) pero que se podería incrementar, dependendo do prezo definitivo da empresa adxudicataria do proxecto.

“Conectadas 2017” está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. Cada unha das asociacións poderá solicitar unha única acción formativa ao abeiro desta iniciativa cuxas actividades están abertas a toda a poboación, pero con preferencia para as mulleres xa que unicamente se reserva o 25% das prazas para homes, agás nos obradoiros do bloque “Súmate ao cambio”, no que a participación pode ser mixta ao 50%. Os cursos, cunha duración de 35 horas (5 delas para un módulo de sensibilización na Igualdade de oportunidades) e un prezo non superior aos 6 euros para as persoas participantes, deberán reunir 15 prazas e, como máximo, entre 20 e 25.

As accións formativas de “Conectadas 2017” suman un total de 47 obradoiros distribuídos entre oito bloques temáticos: “Muller emprende” (emprendemento), “Muller e cultura” (dedicado ás artes visuais), “Actualízate” (alfabetización dixital), “Coas túas mans” (traballos manuais), “Porque ti o fas” (xardinería e ornamentación floral), “Súmate ao cambio” (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), “Ponte en forma” (deportes) e “Coidados persoais”.

A Deputación de Pontevedra volve pór en marcha este proxecto ao considerar que a formación é un instrumento imprescindible á hora de acadar unha igualdade real, buscando garantir o acceso a todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades: económica, política, de participación social, educativa, formativa, laboral, entre outras, sobre as bases da igualdade.

Máis de 5.000 participantes en 2016

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción “polo éxito da primeira edición do programa Conectadas, un éxito rotundo que vén pór de manifesto, de novo, que a creación dun servizo de Igualdade na Deputación de Pontevedra non era soamente unha necesidade política, senón unha demanda vital da propia cidadanía da nosa provincia”.

Máis de 5.000 persoas participaron nos obradoiros da primeira edición de “Conectadas 2016”, que levou a cabo 332 accións formativas ao longo de 60 concellos da provincia de Pontevedra. Isto supón, como sinalou a Presidenta provincial, “que de media arredor de seis asociacións de cada unha das vilas da provincia se interesaron pola Igualdade”, e asegurou que “isto amosa tanto que Pontevedra está avanzando como que as iniciativas en materia de Igualdade que leva a cabo esta nova Deputación interesan e responden ás necesidades das mulleres e dos homes da nosa provincia, que é o noso principal obxectivo”.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.