A Fundación Sales e Soledad García celebran o Día Internacional da Lingua Materna

Con motivo do Día Internacional da Lingua Materna, a Fundación Sales e a escritora Soledad García organizan un contaconto escape room no arboretum, unha actividade lúdica para fomentar o uso da lingua galega a través do xogo e da literatura.

A proposta baséase nos libros do proxecto Emocionaria, unha iniciativa de difusión do galego dirixida principalmente ao público infantil e familiar, que combina lectura, educación emocional e dinamización lingüística a través dos libros infanto-xuvenís da escritora nunha contorna natural única.

A actividade está pensada como unha experiencia familiar para nenas e nenos de 4 a 10 anos, que contarán coa axuda de personaxes como o garrano Artai, o can Urco, a morsa Sedna, o elefante Gante ou a dragoa Undomel, entre outros. Todos eles guiarán o percorrido polo xardín do arboretum, deseñado polo paisaxista Francisco de Sales, convertendo o espazo nun escenario vivo onde lingua e natureza se dan a man.

As inscricións deben realizarse con antelación, co fin de organizar o material necesario, a través do correo electrónico: info@salesxardin.com.