Talaso Atlántico volve abrir as súas aulas para organizar o Curso de Verán 2024 USC-Talaso Atlántico: “Oncoloxía Integrativa (VI): Unha mirada diferente sobre a enfermidade e as persoas afectadas”. Unha trintena de relatoras de primeiro nivel reuniranse para analizar os últimos avances en torno ao cancro, como tratalo desde un punto de vista integrativo e como acompañar aos pacientes ao longo do proceso asistencial. Entre o 15 e o 18 de xullo, pacientes, profesionais, investigadores, familiares e estudantes sanitarios profundarán no proceso de atención a unha das enfermidades máis graves e con maior incidencia na poboación.
O curso conta co recoñecemento e cofinanciamento da Cátedra de Hidiroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia e o aval de diferentes sociedades científicas.
Codirixido pola profesora Lourdes Vázquez Odériz, catedrática de Nutrición da USC e o director médico de Talaso Atlántico, Salvador Ramos, o curso logrou a terceira mellor puntuación dos 53 que compoñen a programación deste ano dos cursos de verán da USC, pola calidade da súa proposta. Segundo Ramos, “expómonos abordar algúns dos retos aos que os servizos sanitarios deberán facer fronte ante o grave problema sociosanitario que representa o cancro e que a pasada pandemia da COVID-19 puxo de manifesto”.
Entre os relatores atópase Luis Cabañas, dietista e nutricionista especializado en oncoloxía; Alejandro Lucía, catedrático de Fisioloxía na Universidade Europea de Madrid e pioneiro en demostrar os beneficios do exercicio físico en pacientes con cancro; Carmen Fiuza, do Hospital Universitario 12 de octubre e especialista, tamén, en exercicio físico e cancro infantil; Nicolás Olea, catedrático de Medicina da Universidade de Granada, e unha das voces máis recoñecidas na relación que hai entre os tóxicos e o cancro; ou Tereixa Constenla, correspondente do País en Lisboa e autora do libro Cuaderno de Urgencias, texto escrito tras o falecemento do seu marido, o tamén xornalista Alejandro Bolaños, por mor dun cancro.
Estarán tamén relatores de gran nivel profesional, moi comprometidos co curso, e xa habituais desde as súas primeiras edicións, cono a oncóloga Pilar Lianes, pioneira da oncoloxía integrativa en Europa, Francisco Barón, experto en bioética e oncoloxía, Francisco Gil, xefe do Servizo de Psicooncoloxía do Instituto Catalán de Oncoloxía, e o catedrático de psicoloxía da Universidade de Salamanca, Fernando Gil, autor do libro La cara social del cancro.
As intensas catro xornadas que dura o curso de verán de oncoloxía integrativa combinarán os relatorios, mesas redondas, obradoiros de hidroconesioterapia ou de climatoterapia así como testemuños de pacientes. Participarán tamén distintos profesionais do ámbito sociosanitario, que presentarán as experiencias e proxectos que están a levar tanto en España como en Portugal.
Desde o primeiro curso celebrado en 2015, este encontro converteuse nunha plataforma para impulsar a creación de equipos humanos multidisciplinares de atención a enfermos de cancro así como para priorizar o papel da atención primaria. Para Salvador Ramos, director médico de Talaso Atlántico, é unha honra poder volver reunir a “excelentes profesionais para falar de cancro desde un punto de vista humanista e integrador, onde o importantísimo traballo dos profesionais da saúde debe acompañarse doutros campos como a nutrición, exercicio ou a talasoterapia”.

