Mañá mércores 3 de xullo o IEM inaugura a tempada de Xeiras de Verán cunha xeira polas paraxes naturais da Portavedra e A Chan do Cereixo. Co punto de encontro no local do IEM en Gondomar, Aula de Cultura Ponte de Rosas na Avda. da Feira 10, ás 18:00 horas, dende onde se partirá cara os Xogos dos Bolos de San Cibrán, para comezar a xeira andando ata o río Pequeno ou das Teixugueiras, para ver a Fervenza das Abelosas e o bosque mixto de frondosas, varios muíños e a zona húmida da Portavedra e da Chan do Cereixo, co patrimonio natural e cultural, incluído o Curro de San Cibrán na antiga Lagoa do Cereixo.
Recoméndase levar roupa e calzado axeitado para andar por camiños e campos, pantalón de perneira longa, sombreiro ou gorra e auga para hidratarse. A duración aproximada da xeira será de 3 horas con dificultade baixa. Estará guiada polos membros da Xunta de Goberno do IEM Xosé Ramón García, da sección de Bioloxía e Ciencias Naturais, e Xilberte Manso, da sección de Etnografía e Arqueoloxía. A próxima xeira será o venres 12 de xullo, A Estrada Real da Ramallosa ao Burgo., guiada por Anxo Rodríguez Lemos. Máis información en http://www.iem.gal.

