Sin categoría

Baiona oferta novas visitas guiadas gratuítas durante o verán para todos os públicos

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Turismo, aposta por diferentes iniciativas coas que dar a coñecer a riqueza patrimonial e cultural do municipio con diferentes programas de visitas gratuítas durante os meses de verán para todos os públicos.

Este ano introduce novos itinerarios. Entre eles, e tras a exitosa posta marcha en Semana Santa e no mes de xuño, a Concellería dará continuidade durante o verán á nova visita guiada na península de Santa Marta “Seguindo os pasos de Drake”, orientada a un público infantil para realizar en familia, na que nais, pais e fillos/as participen conxuntamente na visita, pasando un intre agradable coñecendo un pouco da historia local. Esta visita centrarase na chegada do corsario inglés Francis Drake a esa zona e explicaranse os elementos significativos do lugar, todo iso, de forma didáctica a través de xogos, adiviñas…

Tras a gran acollida entre o público infantil e os seus proxenitores, desde a Concellería de Turismo decidiuse ofrecer esta mesma visita ao público adulto en xeral. O punto de encontro para a saída será no posto de salvamento da praia de Santa Marta ás 11:00 horas. Ofreceranse os seguintes días: 13 (visita público xeneral/adultos) e 27 (visita infantil) de xullo, e 3 (visita público xeneral/adultos), 17 (visita infantil) e 24 (visita público xeral) de agosto.

VISITAS GUIADAS POLA VIRXE DA ROCHA

Outras das novidades ofertadas pola Concellería de Turismo son as visitas guiadas á Virxe da Rocha, un dos monumentos emblemáticos da vila. Un guía acompañará aos participantes desde a oficina municipal de turismo durante todo o percorrido ata o monumento. O punto de encontro da saída será os exteriores da oficina de turismo ás 11:00 horas. Ofreceranse os seguintes días: 20 de xullo e 10 e 31 de agosto.

VISITAS GUIADAS POLO PASEO DE MONTE BOI

Tras a posta en marcha o pasado verán e despois da gran acollida entre o público volverá o itinerario polo paseo de Monte Boi. A actividade terá lugar os venres 5 e 12 de xullo e o 2, 23 e 30 de agosto e consiste nun percorrido circular por todo o paseo para poñer en valor todo o seu patrimonio histórico, tradicional e natural a través de explicacións sobre a Fortaleza e a súa importancia, pero tamén sobre a costa de Baiona, a súa vexetación e curiosidades. O punto de encontro é o exterior da oficina de turismo de Baiona ás 11:00 horas.

VISITAS GUIADAS AO CASCO HISTÓRICO

Así mesmo, a cidadanía de Baiona e as persoas visitantes poderán gozar do amplo patrimonio cultural do municipio acompañados por unha guía oficial durante os mércores de xullo e agosto ás 11:00 horas polo Casco Histórico. No mes de setembro serán os sábados. O punto de encontro para a saída será o exterior da oficina de turismo de Baiona (entrada ao Parador).

Durante 90 minutos, unha guía oficial de Galicia, acompañará aos participantes durante un interesante percorrido por diferentes lugares emblemáticos da localidade entre os que se atopan o monumento Encontro Entre Dous Mundos, o Paseo Ribeira, cun percorrido polo Casco Histórico finalizando no paseo marítimo.

Todas as visitas son gratuítas e é necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo de Baiona no correo electrónico oficinadeturismo@baiona.gal ou chamando ao teléfono 986 68 70 67.