Sin categoría

O xinete nigranés Alejandro Nande representará a España en Holanda

O ano 2024 está a ser especialmente intenso e brillante para a carreira deportiva do xinete nigranés Alejandro Nande Iglesias. Despois de que a finais do ano 2023 fose recoñecido pola Xunta de Galicia como Deportista Galego de Alto Nivel e fora seleccionado pola Federación Hípica Española para formar parte do grupo de rendemento do Equipo Español de Doma Paraolímpica no ano 2024, participou en diferentes concursos a nivel nacional e internacional representando tanto á Federación Hípica galega como á española.

A nivel nacional acudiu ao Campionato Nacional celebrado na Hípica Las Cadenas de Madrid durante o mes de abril, alcanzando unha segunda posición co seu cabalo Brujo CAR e unha cuarta coa egua BRUMA JR, propiedade de Marcos Sande, e que tan só leva un ano de doma con Alejandro. En ambos os dous casos as medias permitíronlle clasificarse para o Campionato de España que se disputou no Real Club Polo de Barcelona entre o 31 de maio e o 2 de xuño, onde acudiu coa egua BRUMA JR conseguindo alzarse no podio coa medalla de prata.

A nivel internacional Alejandro representou ao equipo español en Fontainebleau, Francia, o pasado mes de abril, conseguindo ser o único español en clasificarse para a final, onde se alzou en cuarta posición. A súa participación foi especialmente destacada no Concurso Internacional celebrado en Madrid entre o 10 e o 12 de maio, onde obtivo un primeiro posto e unha media que superou o 68%.

Todos estes logros conduciron a que Alejandro fose convocado novamente para representar as nosas cores nun novo concurso internacional. Nesta ocasión a Federación Hípica Española vén de convocar a Alejandro para participar no Concurso Internacional que se celebrará en Deurne, Holanda, entre o 19 e o 21 de xullo.

Toda esta actividade está a ser combinada coa tempada deportiva de Galicia na que Alejandro participará con algunha das poldras que ten en doma e a do seu equipo de doma que actualmente está en proceso de clasificación para o Campionato Galego de Doma Clásica, que se disputará un ano máis en Finca Abrigosa, Carral, A Coruña.

Algúns dos seus alumnos xa participaron en varios concursos territoriais e no Campionato Galego de Doma Clásica con Póneis, onde a súa alumna máis nova conseguiu un cuarto posto. Este mesmo domingo acompañará ao seu equipo de doma ao concurso territorial que se celebrará no Club Hípico La Torre, na Estrada.

Sen dúbida está a ser unha gran tempada para Alejandro Nande, que tratará de aproveitar ao máximo esta oportunidade para seguir crecendo como deportista.