Sin categoría

O Hospital Álvaro Cunqueiro cumpre nove anos de actividade asistencial

O noveno aniversario da posta en funcionamento do Hospital Álvaro Cunqueiro cúmprese mañá, mostrando ao longo de case unha década un crecemento sostido para ofrecer na súa área asistencial o servizo ao conxunto da cidadanía de maneira eficaz e sempre contando cos máis novidosos avances, tanto na súa actividade asistencial, como nos seus recursos técnicos e humanos, que fixeron posible a introdución de maiores prestacións e técnicas innovadoras na carteira de servizos hospitalaria.

No que respecta á actividade asistencial, a día de hoxe os seus profesionais levan realizados 301.000 ingresos, 1.583.000 urxencias e 3,4 millóns de consultas externas; ademais de traer ao mundo a máis de 28.800 bebés. Ademais, poñendo o punto de vista nas intervencións cirúrxicas, ata o día de hoxe foron unhas 110.000 -das que máis de 36.800 foron de carácter urxente-, prevéndose que o hospital supere as 118.000 intervencións cirúrxicas ao rematar o ano 2024; uns datos destacables para un centro con tan só nove anos de actividade.

Co motivo desta efeméride, Javier Puente Prieto, xerente da Área Sanitaria de Vigo, destacou novamente que, “Segue sendo sorprendente como en menos dunha década este hospital ten ofrecido un servizo destas dimensións, sendo recoñecido no conxunto da sanidade pública do Estado, e tendo que poñer na primeira liña deste labor o traballo das e dos profesionais que desenvolven as súas tarefas no centro e, así mesmo, a aposta do Servizo Galego de Saúde por un investimento continuo para ofrecer unha sanidade moderna e que chegue ao conxunto da cidadanía da que é responsable”.

Pensando no futuro, o xerente da Área Sanitaria de Vigo destacou como reto inmediato: “Continuar traballando a prol dunha maior sinerxía entre a Atención Primaria e os nosos hospitais –tal e como nos transmitiu aos responsables de todas as áreas sanitarias de Galicia o noso conselleiro-, así como seguir camiñando cara a unha actividade da saúde baixo parámetros da sustentabilidade e do emprego de enerxías renovables e limpas respectuosas co ambiente, segundo se indica no actual Plan de Economía Circular do SERGAS”.

Novos equipamentos á vangarda

Ademais das cifras de actividade, hai que subliñar a revolución tecnolóxica que supuxo a posta en marcha deste hospital que viño da man de novos equipos como os da área cirúrxica -TC Intraoperatorio, quirófano híbrido ou o equipo DaVinci de cirurxía robotizada-, e que colocaron ao centro hospitalario á vangarda de determinados procedementos e tratamentos cirúrxicos. Do mesmo xeito, a dotación tecnolóxica do laboratorio de Microbioloxía converteuno en referencia nacional na loita fronte ao Covid.

Neste contexto cabe subliñar tamén os equipos de alta tecnoloxía de imaxe diagnóstica, que acaban de renovarse e ampliarse na Área Sanitaria de Vigo, cun investimento total de máis de 13 millóns de euros.

Máis servizos sanitarios para a cidadanía

Así, este ano realizáronse varias actuacións de reforma na infraestrutura para proceder á habilitación de espazos para novas unidades que mellorarán a atención en áreas como a saúde mental, a cardioloxía, a hospitalización a domicilio, a anatomía patolóxica, a atención ás enfermidades raras, e a atención ambulatoria.

Así cabe subliñar que, dende xullo do pasado 2023, xa está operativa a nova Área de Hospitalización Psiquiátrica Infanto-Xuvenil, na que se investiron 1,3 millóns de euros. A nova unidade funciona na actualidade con 6 camas (ampliable a outras tantas máis), sendo atendida por 20 profesionais de distintas categorías sanitarias.

Tamén, a nova Unidade Funcional Multidisciplinar de Enfermidades Raras iniciou o seu funcionamento. A obra, na que a Xunta investiu máis de 150.000 euros, dotou a esta Unidade cun espazo propio no que desenvolverá a súa actividade o equipo de profesionais composto por: un especialista de medicina interna, unha pediatra e unha enfermeira. Xunto con ela, cómpre indicar a próxima posta en marcha das novas instalacións de Hospitalización a Domicilio, ao iniciarse as súas obras esta primavera pasada.

A nova Unidade de Necropsias tamén foi posta recentemente en marcha. Nesta obra realizouse un investimento de 454.000 euros, co obxecto de que os profesionais de anatomía patolóxica poidan practicar en Vigo necropsias de nivel de protección 3.

Ademais, tamén están en diferentes fases de licitación os proxectos e obras das novas Unidades de Rehabilitación Cardíaca.

Aposta continua pola Docencia e Investigación

Nestes anos o Álvaro Cunqueiro converteuse nun hospital atractivo para os futuros profesionais da sanidade, que elixen Vigo para a súa formación. No momento actual o hospital ten en formación a preto de 1.700 persoas, entre residentes e estudantes de distintas disciplinas sanitarias.

No referido á Investigación, é necesario lembrar que o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur acadou, e mantén, un obxectivo que hai 8 anos era impensable: a certificación do Instituto de Salud Carlos III (centro de investigación biomédica de referencia oficial en España) como centro investigador inscrito na súa rede nacional, a máis prestixiosa acreditación que se outorga en España a un centro de investigación sanitaria.